{short description of image}
Os pasos de Xan

Tedes aquí unha obra e o proceso de facela dun artista, Xan López Domínguez, que a pesar da súa proximidade -que sempre quita perspectiva- é excepcional.

Ilustrador, escritor, humorista gráfico, escéptico autor de cómic, cartelista, deseñador, esposo, pai, tamén compañeiro -excelente compañeiro- e amigo.

Dende os seus principios en Xofre, aquela revista primeira do cómic galego, que fixo con Miguelanxo Prado, Fran Jaraba e outros, e pola que aínda o buscan os acredores e o respectan os que aman o xénero, ata a edición dos seus libros en editoriais do máximo prestixio mundial como Hachette ou Mondadori ou as distincións en feiras do renome de Bolonia ou Bratislava, ou ata esta mesma mostra, vai un longo camiño que ó contemplalo dende fóra pode dar a impresión de que foi doado, pola facilidade coa que Xan executa as súas obras. Mentres os demais temos que loitar días e días para resolver un problema de debuxo, chega el e ¡plis! déixao listo. E todo isto sen rede, sen salvavidas e sen titubeos, pero desbotando todo o que non lle gusta, que tendo en conta o esixente que é non é pouco.

Pero aínda que hai esta facilidade real, resulta ficticia; detrás dela hai moitas horas de práctica, de investigación, de ensaios, de tempos perdidos, de soidades, de aportacións á cartolina, de rascala -a cartolina, naturalmente-, de simplificar, de engadir.

Non sei a quen lle recriminaban -imos poñer que Picasso, que queda moi ben- o caras que eran as súas obras, que facía en tan pouco tempo, e respondía:

-Iso que ve vostede, levoume facelo 80 anos, xa que toda a miña vida foi unha aprendizaxe para chegar a ela.

Xan é un volcán creativo, en perpetuo estado de ignición, que o mesmo crea un personaxe tenro, que idea unha proba científica para medir a galeguidade.

Cando semella que xa acadou a perfección, chega con novos rotuladores, cunha pluma xaponesa, ou engadindo ás anilinas un toque de lixivia.

E aínda logo, cando xa sobrelevou tódalas dificultades, e recoñeceron todo o que está facendo, sae de novo co "pierismo", unha volta á natureza, ás formas puras e sinxelas, á carencia de artificio. Pero non vos enganedes: dende o lonxano "Xofre" ata o actual "pierismo" segue sendo Xan López Domínguez.

Xaquín Marín
Presentación da exposición "Pasos. Bocetos e orixinais" de Xan López Domínguez na 3ª Feira internacional do libro infantil e xuvenil