Xan López Domínguez
Xan López Domínguez

Nacido en Lugo en decembro de 1957, é o primeiro -e polo momento único- ilustrador galego que ten sido incluído no catálogo de ilustradores da Feira Internacional do Libro Infantil de Bolonia (ano 1990), que é o mesmo que dicir que a súa obra ten acadado un definitivo recoñecemento internacional.

Con Francisco Jaraba e Miguelanxo Prado fundou en 1979 o grupo "Xofre", que chegou a edita-los seus propios cómics ou historietas. Como historietista colaborou, e colabora aínda de cando en vez, na revista de humor "Can sen Dono", no semanario "A Nosa Terra" e no xornal "La Voz de Galicia".

Sen embargo, o grafismo de Xan López Domínguez evolucionou lonxe dos parámetros do tradicional debuxo de historieta. Pola contra, a súa concepción da ilustración responde a unha valoración plenamente diferenciada de cal é o deseño axeitado para o tipo de relación co texto que esixe o libro. Unha concepción que sabe explotar tódalas posibilidades que esa relación encerra: desde a ilustración puntual, case expresionista, de "Este era Hirbel", centrada nunha descrición dos cambios de emocións do rapaz protagonista, á máis dinámica, que participa do carácter de xogo do propio conto, de "Xiganano"; ata a intervención libérrima no espacio que caracteriza a "Fafarraios", onde os debuxos prolongan e multiplican o humor e o ritmo dos poemas do texto.

Esta perfecta simbiose de imaxe e texto acada o seu máis completo cumprimento nas obras das que o propio artista é tamén o seu autor literario. Malfadadamente, as condicións -tantas veces laiada- do noso espacio editorial case nunca permiten que este tipo de obras poidan ser publicadas entre nós. É espléndida excepción o pequeno álbum "Voces na lagoa do espantallo". Un breve pero precioso texto, que ten o sabor sinxelo e á vez fondo das vellas parábolas e contos populares, integra unha inseparable e perfecta unidade cuns debuxos dun riquísimo e equilibrado barroquismo.

Xan López Domínguez fai compatible a adaptación ó espírito dos textos coa consolidación dun estilo persoal fortemente marcado. A figura humana é tratada con formas caricaturescas, resoltas con grandes e áxiles trazos, e solucións económicas: os ollos son puntos, os narices unha única e rápida liña, as bocas unha longa raia. Todo está cheo dun forte dinamismo. A disposición das figuras e os fondos no espacio da páxina combina un atento respecto ás regras da composición, que non rexeita o xogo cos espacios baleiros, cunha evidente tendencia ó amoreamento de elementos. O resultado xa quedou dito: un barroquismo equilibrado.

MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE: Ilustradores galegos para nenos. Col. Andel, 8. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Xuventude, Dirección Xeral de Cultura. A Coruña, 1991