Manolo Uhía: pasen e vexan

Pouco despois de coñecer a Manolo Uhía, convenceume para facer con el unha viaxe a un país lonxano e rodeado de mar por todas partes. Unha vez alí, fomos visitar un lugar remoto e collimos un vello avión coas ás de lona, suxeitas a un esqueleto de madeira cuns remaches de pouco fiar. Eramos os únicos pasaxeiros e así que sentamos Manolo comezou a debuxar no seu caderno.

En canto o aparello puxo as hélices en marcha para quecer os motores, os remaches comezaron a bailar nos seus buratos, a piques de saír disparados do seu sitio. Manolo dáballe ó lapis como se aquilo non tivese nada que ver con nós. E o avionciño trequeleaba como unha carraca. O piloto, que era un tipo moi simpático, explicounos que debaixo dos asentos tiñamos os salvavidas.

-Se caemos no mar, tiren desta arandela -dixo o piloto-, porque libera un líquido moi útil para apartar os tiburóns.

E Uhía non paraba de debuxar.

-Eh, Manolo -díxenlle suando-, ¿non cres que este avionciño é un algo inseguro? Eu vou morto de medo.

El nin sequera mirou para min. Simplemente dixo:

-Non me distraias agora, que estou debuxando.

Desde aquela souben que Manolo era un home entregado con verdadeiro fervor ó seu traballo. Logo vin moitas veces os seus cadros e, sobre todo, as súas fermosas ilustracións para libros como O MISTERIOS DOS FILLOS DE LÚA, de Fina Casalderrey, TRECE ANOS DE BRANCA, de Agustín Fernández Paz, PINTURIÑO -que non só ilustrou, senón que tamén escribiu Uhía- ou ESTES DÍAS REFRESCA POLAS TARDES, que escribín eu mesmo.

E sempre atopei neses libros e noutros moitos o que os visitantes desta mostra poden comprobar por si mesmos: o amor, o entusiasmo e a calidade que Manolo pon no seu traballo. Uhía é un debuxante rico en sentimentos, en ideas, en cores, en técnicas, un ilustrador que os narradores reclamamos moitas veces para que vista as nosas palabras, pero que só precisa dúas palabras para presentar as súas obras: pasen e vexan. Teñen diante a un dos mellores ilustradores de Galicia, que é como dicir un dos mellores da Vía Láctea.

Xosé Cermeño
Presentación da exposición antolóxica na 4ª Feira internacional do libro infantil e xuvenil