Manuel Uhía
Manuel Uhia

Nacido en Portonovo en xuño de 1944, é un dos ilustradores galegos máis solicitados, e ten colaborado coa maioría das editoriais. De formación pictórica (presentou cadros en numerosas exposicións individuais e colectivas), o seu traballo como cartelista e deseñador gráfico en axencias de publicidade aportoulle unha indiscutible capacidade para adaptarse a públicos e temas diferentes, así como seguridade e eficacia no trazo e un gran control do espacio.

As súas ilustracións poden ir desde o deseño caricaturesco máis tradicional, cercano á historieta humorística infantil de "A cidade dos desexos", ó debuxo realista tinxido de certo dramatismo de "Mondo e outras historias" ou de "A bolsa amarela". As espléndidas reproduccións, en debuxos extremadamente precisos a toda cor, das figuras do Pórtico da Gloria (Moralejo, "O Pórtico da Gloria", 1989) proban a excelencia do dominio técnico deste artista.

Non debe confundirse, sen embargo, o hábil eclecticismo de Manolo Uhía coa falta de estilo propio. Pola contra, tódalas súas creacións levan un inconfundible selo: esa perfecta distribución das formas no espacio, o trazo seguro de quen se sabe dominador da técnica do debuxo, a eficacia e a economía no uso dos recursos gráficos.

Eu atreveríame a dicir, non obstante, que onde acada os seus mellores rexistros é no debuxo realista ó servicio de textos con calidades poéticas e dramáticas. Nese caso (os citados "Mondo" e "A bolsa amarela", ou tamén "Os Reis Magos", Tournier, 1988) permítese xogar coas liñas, deixa que os contornos se esvaezan lixeiramente, difumina os fondos, creando un clima visual de parella forza poética e dramática.

Uhía non participa da obsesión por enche-los espacios. Uhía non é doente da doenza -tan barroca, tan galega, por outra parte: a exuberancia da nosa paisaxe quizais teña algo que ver co afincamento da estética barroca na nosa tradición- do "horror vacui". A súa aportación principal quizais sexa xustamente a sobriedade no deseño, a eficaz economía de recursos gráficos, a magnífica distribución de liñas, masas e forma no espacio.

MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE: Ilustradores galegos para nenos. Col. Andel, 8. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Xuventude, Dirección Xeral de Cultura. A Coruña, 1991