Temos diante de nós unha
exposición de traballos de Miguelanxo Prado. É dicir, temos a
posibilidade de contemplar unhas obras que, aínda que non o queiramos,
van quedar fixadas na nosa memoria e nos van acompañar durante moito
tempo.
Durante toda a vida, no meu caso. Porque, dende o ano 1983, cando
coñecín os cómics que logo Miguelanxo Prado
reuniría nun álbum inesquecible, Fragmentos de la Enciclopedia
Délfica, quedei deslumbrado co traballo e co mundo que alí se
me ofrecía. Un deslumbramento que non fixo máis que aumentar co
paso do tempo, a medida que, en traballos sucesivos, ía vendo a
capacidade de Miguelanxo Prado para fascinarnos a través das súas
historias e das súas imaxes.
Estamos a falar dun home que é, sen dúbida ningunha, un artista
total, unha desas escasas persoas que teñen no seu interior a capacidade
de crear mundos autónomos, calquera que sexa a canle artística
que utilicen para expresarse. Que a obra deste home sexa coñecida e
loada en toda Europa, mentres en Galicia a penas se sabe del, non é
máis que un síntoma dos profundos desaxustes culturais que padece
o noso país.
Miguelanxo Prado é, sobre todo, un creador de mundos, un narrador de
historias. A súa forma de expresión máis querida é
o cómic, quizais porque nela conflúen o seu interese pola
literatura e a súa paixón pola imaxe. El ten demostrado -con
"calidade de estilo e dureza conceptual", en palabras de
Méndez Ferrín- que se pode realizar un cómic diferente
ó que, desgraciadamente, estamos afeitos a ver. Non hai máis que
ler Trazo de tiza (un álbum que encerra unha historia fascinante,
xustamente premiado en toda Europa) ou Páxinas crepusculares (o
seu magnífico álbum en galego), por citar só algunhas das
súas últimas publicacións, para descubrir que Miguelanxo
Prado é algo máis que un ilustrador ou un autor de cómics.
Vendo o conxunto da súa obra, o concepto de artista total volve xurdir
dun xeito inevitable.
Diante de calquera obra de Miguelanxo Prado é fácil quedar
abraiado polo dominio técnico, pola perfección formal que se
observa nela. Dende a frecuente elección deses soportes escuros (que
logo lle van permitir un tratamento tan orixinal da luz, cuns brancos que
salientan con inusitada intensidade) ata a rara facilidade para crear, calquera
que sexa a técnica empregada, unhas imaxes que nos engaiolan pola
aparente sinxeleza e, sobre todo, pola súa forza expresiva.
Pero, con ser todo iso importante, a min paréceme que a forza das imaxes
de Miguelanxo Prado está máis alá do que vemos en formas e
cores. Para min, a forza desas imaxes reside no que nos suxiren, no que
espertan no noso interior cando as contemplamos. Porque hai algo nelas que nos
axuda a entender mellor o que pasa e o que nos pasa, como se, ó atrapar
a vida, nos desvelasen o que hai máis alá da superficie das
cousas.
Ás veces, Miguelanxo Prado crea as súas imaxes a partir da obra
doutras persoas. É o caso dalgúns libros afortunados -case todos
pertencentes ó que chamamos literatura infantil-xuvenil-, que
teñen a sorte de poder contar as súas historias axudados polas
imaxes de Miguelanxo.
Dous deses libros afortunados conteñen historias escritas por min: As
flores radiactivas e Rapazas. En cada un deles, Miguelanxo utilizou
propostas diferentes. E esas dúas aproximacións que el realizou
son unha boa mostra das dúas vías que un ilustrador pode escoller
á hora de facer unha ilustración a partir dun texto determinado.
Unha delas é a consistente en contar a historia dende a imaxe, darlle
vida propia ó que antes só eran palabras no papel, de maneira que
as ilustracións constitúen unha narración paralela e
complementaria. Esa é a proposta contida en As flores
radiactivas. A outra vía, posiblemente máis complexa e
difícil, é a de suxerir, a través das imaxes, un mundo
que, ademais de ilustrar o relato, transcende a historia e ilumina aspectos que
quizais estaban ocultos nela. As ilustracións de Rapazas, sobre
todo as do último conto, van nesa dirección.
Pero o caso máis significativo destes traballos sobre relatos doutros
é o do álbum Pedro e o lobo, feito a partir da vella
historia -un conto popular ruso, adaptado ó galego por Miguel-Anxo
Murado- á que lle puxo música Sergei Prokofiev. É
fascinante contemplar as imaxes que Miguelanxo Prado creou para contarnos
graficamente esta historia (¿pódense esquecer os ollos de Pedro,
abraiado diante dos segredos que se agachan no bosque, esa repetida
metáfora do mundo?), que el traslada a personaxes e ambiente galegos,
demostrando unha vez máis que só se pode ser universal dende as
propias raíces.
Disfrutemos, pois, dun anaco do traballo deste artista que é Miguelanxo
Prado, felicitándonos por ter o privilexio de poder compartir con el un
tempo e un país, tan presentes un e outro na súa obra.
Agustín Fernández Paz
Presentación da exposición "Obra gráfica infantil e
xuvenil" de Miguelanxo Prado na 2ª Feira internacional do libro
infantil e xuvenil
|