 |
Nacido na Coruña en 1958, descubriu o
mundo da historieta sendo alumno da Escola de Arquitectura. Así, en
1979, con Xan López Domínguez e Fran Jaraba, intenta crear unha
revista de banda deseñada galega, Xofre, da que só
sairá o primeiro número. Colabora logo con distintos estudios de
arquitectura, pero en 1982 emprende a aventura do cómic
instalándose en Barcelona, a capital peninsular da edición da
banda deseñada.
Alí publica as súas primeiras historietas curtas no fanzine
Zero e na revista Cómix Internacional e do 82 ao 84
aparecen en 1984 doce historias que un ano despois reúne no seu
primeiro álbum Fragmentos de la Enciclopedia Délfica.
Comezou así unha dilatada obra centrada no cómic, que primeiro
coñece a luz por capítulos nas revistas do xénero e logo
reúne en álbums (Stratos -1987, Quotidiana delirante
I -1988, Manuel Montano. El manantial de la noche -1989,
Crónicas incongruentes -1990, Quotidiana delirante II
-1990, Páxinas crepusculares (historias inducidas) -1993,
Trazo de tiza -1993, Tangencias -1996, Quotidiana delirante
III -1996).
Recoñecido internacionalmente e premiado en diferentes salóns
especializados na banda deseñada (Porto, Xenebra, Treviso, Barcelona,
Angouleme, etc.) o seu traballo abrangue os diferentes campos do grafismo e a
ilustración, desde a pintura e o deseño gráfico ata
colaboracións para televisión (Xabarín Club) ou a
prensa (na edición dominical de La Voz de Galicia, nas revistas
Luzes de Galiza, Galicia Internacional e a máis recente
Tempos...).
Esta variedade de rexistros tamén se presenta no caso da
ilustración de textos literarios doutros autores. Miguelanxo
continúa a historia narrativa aportando a súa perspectiva
plástica en La ley del amor (1995) de Laura Esquivel, ou pon
imaxes a un texto clásico, como en Pedro e o lobo (1993), conto
popular do ruso Sergei Prokofiev adaptado literariamente por Miguel-Anxo
Murado.
No campo do libro infantil e xuvenil deseña portadas (Cando o mar foi
polo río, de Manuel María, O centro do labirinto, de
Agustín Fernández Paz...) ou le graficamente a historia (Bala
perdida de Manuel Rivas).
Desde o seu recuncho de Lubre, traballa e proxecta a súa obra con todos
os matices da máis esencial universalidade.
|