| 1
Hai ensinanzas que só a vida che pode aprender, pois
é o paso dos anos quen nos vai facendo aceptar o que noutrora
xulgariamos insoportable. Cando se chega á miña idade, afeita a
convivir de xeito permanente coa traxedia que tanto me marcou, a angustia perde
os seus peores matices e acaba por integrarse na memoria coma se fose un vello
membro do clan familiar.
Pero a noticia que acabo de ler no xornal de hoxe produciu
dentro de min un efecto perturbador, e fíxome aflorar de novo as peores
lembranzas. As protestas contra a destrucción do monte do Coto do Rei
van en aumento, a xente oponse a que a autoestrada o coute polo medio e medio.
As declaracións dos opositores son as de sempre, cántas veces non
as terei oído xa: que é unha das poucas zonas do concello onde as
árbores autóctonas aínda permanecen, que hai valiosos
restos de orixe prerromana, que o seu valor paisaxístico e
ecolóxico é incalculable... Eu mesma, noutras circunstancias,
tamén subscribiría esa defensa. ¿Como podo explicar
entón o temor que me invade cando penso que os políticos de
Madrid poden ceder a estas presións? Total, para eles este non é
máis que un lugar afastado do noroeste da península, un punto do
mapa sen ningún significado especial. Qué máis lles ten
ceder, deixar que a autoestrada rodee o monte, aínda que teña que
ter unha curva máis. ¡Se mesmo lles é máis barato
facelo así!
Sen embargo, o meu desexo máis intenso é ben
distinto: que entren canto antes as máquinas escavadoras, as padeadoras,
os camións. Que troncen as árbores, que rebaixen o monte polo
medio e medio, que derruben os restos que a xente chama prerromanos. Que non
quede nada en pé, que desfagan canto hai, que non deixen unha pedra no
seu sitio. E que logo o sepulten todo baixo toneladas de rocha e de cascallo, e
boten por riba ben capas de cemento e alcatrán. É o destino
mellor para ese lugar maldito, ese lugar que ningún día da
miña vida puiden expulsar do territorio dos meus soños.
Porque nunca, por moitos anos que viva, poderei esquecer o
verán de 1973, aqueles días terribles que marcaron para sempre a
miña vida. Daquela eu acababa de facer quince anos. Vivía cos
meus pais na parroquia de Sillobre, nun rueiro cunhas poucas casas que para min
era o centro do mundo. Alí vivían tamén os mellores amigos
meus, Rosalía e Carlos, os dous da miña mesma idade. Eramos
inseparables; sentiámonos unidos por unha desas amizades que só
se poden asentar na infancia, cando aínda non se coñece a maldade
e se mira o mundo con ollos inocentes. Certo que os anos de nenos xa nos
quedaban lonxe, pois estabamos atravesando a complicada terra da adolescencia,
pero a amizade, aínda que transformada, seguía sendo
sólida.
Eu non tiña segredos para Rosalía, a
miña mellor amiga, a irmá que nunca tivera. Con Carlos, as cousas
eran distintas. El era un rapaz e, malia a nosa unión, hai cousas nas
que o sexo establece unha barreira difícil de cruzar. Por riba, eu
viña notando desde había algún tempo que o meu amigo me
trataba de xeito diferente a como o facía con Rosalía. Eran
detalles sutís, algún brillo especial na súa mirada, a
forma de premerme o brazo ao suxeitarme, algunhas frases cargadas de dobre
sentido... Todo me indicaba que Carlos comezaba a namorar de min. Un sentimento
que me agradaba, para qué negalo, e ao que eu, coa mesma
discreción, procuraba corresponder.
Pero nada diso impedía que os tres mantiveramos a
nosa unión. Gustábanos moito andar en bicicleta; ademais de ser
cómodo e útil, era a única forma que tiñamos de
poder movernos lonxe do control familiar. E aquel verán, quizais porque
eramos conscientes de que sería o derradeiro daquela unión
especial, esforzabámonos por espremer ao máximo as horas de cada
día. Así que dedicabamos as tardes a facer excursións coa
bicicleta, cada vez algo máis lonxe, e había días en que
nos afastabamos moito do lugar, coa ilusión de descubrir o que para
nós eran territorios inexplorados.
Eramos felices, ou iso me parece a min agora, cando traio
á memoria a lembranza daqueles días. Unha felicidade inocente,
que quebrou de xeito brusco cando aquel horrible suceso me descubriu a
existencia dun mundo escuro e cruel que as persoas nunca poderemos
entender.
2
A tarde daquel día fatídico, os tres
tiñamos pensado facer unha excursión ata un lugar ao que nunca
chegaramos: o monte do Coto do Rei, un outeiro que era o punto máis alto
de toda a contorna. Atraíanos non só por distante, senón
tamén porque os maiores, cando se referían a el, facíano
cun aire de vago temor, coma se fose un territorio prohibido. E a advertencia
de que non debiamos ir por alí, sempre inconcreta,
tiñámola escoitado máis dunha vez nas nosas casas.
A última hora Rosalía fallou, pois tiña
que acompañar a súa nai a visitar uns parentes. Así que
fomos só Carlos e mais eu quen collemos as bicicletas, dispostos a non
renunciar ao que tiñamos programado. Era un agasallo inesperado, pensaba
eu, pois quizais así poderiamos falar de xeito máis íntimo
e dicirnos as cousas que os dous levabamos meses desexando.
Levounos tempo chegar, pois o monte estaba lonxe e,ademais,
paramos a descansar en varias ocasións. Finalmente, cando xa a tarde
ía ben avanzada, demos chegado ao pé daquel outeiro que tantas
veces ollaramos desde a distancia. Toda a aba estaba ocupada por un arboredo
mesto no que abundaban os castiñeiros e os carballos, pois daquela os
eucaliptos aínda non invadiran todos os espacios do país, como,
por ignorancia e cobiza, ocorre na actualidade.
Fomos ascendendo por carreiros estreitos, coas bicicletas da
man, decididos a chegar ata o máis alto do outeiro. Ninguén
debera andar por eles en moito tempo, pois as polas das árbores
tupíranos e facían difícil e noso avance. Cando xa nos
atopabamos preto do cume, fixemos unha descuberta inesperada. A angosta verea
pola que ascendiamos desembocaba nun aberto, unha especie de meseta onde as
árbores non medraban. Era un calvelo semicircular, co chan cuberto de
herba intensamente verde. No centro había un gran penedo chantado na
terra e, moi preto del, unha extensa poza de auga que aparecía rodeada
por un valo de pedras de pouca altura.
Achegámonos á gran pedra, fascinados por aquel
inesperado achado. Hoxe sei que aquelo era un menhir, pero entón o
único que vin foi unha rocha enorme que parecía espetada na terra
por un xigante de forza descomunal. Dez pedras máis pequenas, coma os
marcos que se poñen para sinalar os límites dunha finca,
aparecían chantadas ao redor daquel colosal penedo.
Tan grande era a nosa ignorancia que nin se nos pasou pola
cabeza asociar un lugar así con algún perigo. Enténdoo
ben, aínda hoxe hai xente que só ve os dolmens ou menhires como
restos arqueolóxicos que cómpre protexer. ¡Canto esquecemos
neste país! Non son quen de imaxinar que o antigo poder que eses penedos
tiveron sobre os homes, a enerxía misteriosa que un día os
empregou como vehículos, en certos casos segue aínda latente na
pedra, ou na terra dos arredores, nun sono fráxil que as persoas de hoxe
non deberiamos turbar.
Sen embargo, máis que o menhir e as pedras que o
rodeaban, o que axiña chamou a nosa atención foi a poza. A auga
debía nacer alí mesmo, pois na superficie había un
gurgullar continuo que indicaba a existencia de varios mananciais
subterráneos. Aquela auga aparecía anormalmente escura, xa desde
a mesma tona, algo que atribuímos á terra negra que debía
haber no seu leito.
Demos unha volta completa ao seu redor, tratando de albiscar
algo máis alá da superficie, pero non se vía nada.
--¿Canta profundidade terá? -preguntou Carlos.
E, de seguido, tras axeonllarse na herba, debruzouse sobre as pedras do valado
e meteu un brazo na auga.
--¡Non dou tocado o fondo! -díxome--. ¿Como
pode haber tanta profundidade? ¡Semella un pozo, máis que unha
fonte!
--¿Como non o vas tocar? -contesteille, ao tempo que me
colocaba na mesma postura ca el e mergullaba tamén o meu brazo todo
canto podía.
De súpeto, notei que, desde dentro da auga, algo
semellante a unha man me suxeitaba con firmeza polo brazo e turraba de min
cunha forza irresistible. Dominada por un medo irracional, berreille ao meu
amigo, pedindo a súa axuda. Pero el debía estar experimentando o
mesmo ca min, pois só recibín a resposta dos seus ollos
espantados. Uns instantes despois atopabámonos os dous mergullados
naquela poza, tragando auga e loitando por volver á superficie, mentres
a forza misteriosa seguía a turrar de nós cara ao fondo, un fondo
que parecía estar a unha gran profundidade inacabable.
3
Sempre me dixeron que todo tivo que ser unha
fantasía, que as lembranzas que conservo daquela tarde non foron
máis que o froito da miña atolada imaxinación. Os
médicos mesmo me teñen explicado que son lóxicas as
miñas visións, pois o cerebro estivo baixo a auga moito tempo,
sen recibir o osíxeno suficiente, e en estados así a nosa mente
fabrica imaxes irracionais, que mesmo poden estar emparentadas coas que,
segundo o psicanalista Carl Gustav Jung, almacena o noso cerebro nas capas
primitivas da evolución, cando aínda non era humano.
De tanto repetirmo, o normal é que eu albergase
dúbidas, aínda que na miña memoria permaneza todo gravado
como só un feito real o pode estar. Pero cando me fixen maior, cando, en
vez de esquecer, puiden viaxar e coñecer outras culturas, os ollos
abríronseme de vez e para sempre. Agora sei da existencia das
korrigans irlandesas, as gardianas das fontes situadas a carón de
dolmens e menhires. Sei da súa beleza e das transformacións
horribles que poden adoptar, en Irlanda hai casos e casos que o documentan. E o
mesmo ocorre coas lamignak en Euskadi, ou coas diale dos escuros lagos
dos Alpes. As mesmas que en Galicia se chamaron lamias, antes de que a falsa
idea do progreso arrasara cos saberes que nunca debemos esquecer. Toda a vella
Europa coñeceu no seu día esta realidade, aínda que agora
nos libros só figuren como lendas para aliviar a nosa fame da
fantasía. Por iso, porque sei, podo contar sen reparo o que en realidade
ocorreu naquel ominoso lugar.
Cando os nosos pés tocaron fondo, puidemos comprobar
que era máis dun ser quen nos suxeitaban, pois algo semellante a unha
multitude de mans percorría o meu corpo. Eu non podía ver aqueles
seres, non sei se pola auga negra ou porque o meu cerebro estaba xa demasiado
debilitado. Si que vía, sen embargo, unha milleira de puntos
fosforescentes, que quizais eran os seus ollos, pois movíanse de dous en
dous. Quixen berrar, pero da miña boca non saía ningún
son. E logo non sei qué máis ocorreu, porque sentín unha
especie de vertixe e acabei por perder o coñecemento.
Cando abrín os ollos, sorprendeume ver a lúa
chea que brillaba no alto do ceo, iluminando o calvelo coa súa luz
pálida. Ao primeiro non souben ónde estaba, pero axiña
descubrín que me atopaba outra vez fóra da auga, tombada na herba
do prado e empapada por completo. O corpo de Carlos, mollado e sen sentido,
xacía a carón miña.
Tamén estaban fóra da auga uns seres
máis pequenos ca min, de ollos brillantes que axiña me lembraron
os que vira no fondo do pozo. Aparecían como mulleres de fermoso rostro,
cubertas por unhas longas túnicas brancas que lles chegaban ata os
nocellos e deixaban ao descuberto uns osudos pés de cabra. Todas elas
estaban sentadas ao pé da poza, ocupadas en peitear os seus cabelos con
brillantes peites de ouro. A nós non nos facían caso
ningún, pois debían saber ben que nos atopabamos paralizados polo
medo.
Cando acabaron de peitearse, erguéronse e
colocáronse ao redor do menhir, formando dúas circunferencias
concéntricas. E logo deron en moverse en círculo, se ben cada
grupo o facía na dirección contraria á do outro, iniciando
así unha rara danza. Executábana ao tempo que entoaban un canto
nunha lingua estraña, se é que eran dunha lingua os sons que eu
oía. A salmodia que recitaban aqueles seres foi medrando en intensidade
ata acabar por converterse nunha ladaíña tan obsesiva como un
mantra, un son desacougante que resoaba entre as árbores do calvelo.
Desprazábanse seguindo o ritmo marcado pola ladaíña, un
ritmo monocorde e hipnótico que dirixía unha das voces,
máis alta e nítida que as outras. De cada pouco, estendían
os brazos cara á lúa e ceibaban un berro agudo, como adorando o
astro que brillaba no alto do ceo.
Despois de non sei cánto tempo, algúns deles
achegáronse a onde estabamos e obrigaron a Carlos a poñerse de
pé. Arrastrárono ata colocalo coas costas apoiadas contra o
menhir. E logo volveron danzar ao redor del, mentres entoaban unha e outra vez
aquel canto hipnótico. Pouco a pouco foron pechando o círculo,
mentres o canto medraba en intensidade. Naqueles momentos pensei nas cousas
máis terribles, tanto que nin me atrevo a repetilas. Pero o
círculo só se pechou de todo durante uns instantes, pois
axiña volveron á posición inicial.
Busquei a Carlos coa mirada, mais non o puiden descubrir. Pensei que se
atoparía caído no chan, ou que algunhas daquelas mulleres o
levarían suxeito canda elas, pero non había nada diso.
Simplemente, o corpo de Carlos xa non estaba alí. O meu amigo
desaparecera diante da miña vista.
Algunhas daquelas mulleres achegáronse a min,
posiblemente querían repetir comigo a mesma cerimonia que fixeran con
el. Paralizada no chan, podía velo todo, pero sentíame incapaz de
ofrecer resistencia ningunha. Foi naquel momento cando, ao lonxe, se
oíron voces chamando por Carlos e por min. Eran voces que soaban cada
vez máis preto, e axiña puiden ver algunhas luces que se
movían entre a masa escura das árbores.
Agora sei que era a xente de Sillobre e de Fene.
Mobilizáranse na nosa busca a instancias dos nosos pais, asustados
porque chegaba a noite e non regresabamos. Gracias a Rosalía, puideran
saber dos nosos planos e orientarse sen perder tempo cara ao lugar correcto. Eu
debera de seguir mirando aquelas luces, ben o sei, elas eran a miña
salvación; pero o certo é que virei a cabeza para ver cómo
reaccionaban aquelas mulleres. E foi daquela, impresionada pola terrible
visión, cando non o puiden resistir máis e perdín o
coñecemento.
Nunca saberei se o que vin non foron máis que
desvaríos dunha imaxinación aterrorizada. Pero o certo é
que puiden contemplar cómo, en poucos segundos, todos aqueles seres se
transformaban en grosas e repugnantes cobras verdes. Uns réptiles
noxentos e viscosos que, con gran axilidade, reptaron por riba das pedras da
poza e se perderon no fondo da auga.
A seguinte lembranza que teño é a cara de meu
pai achegada á miña, cunha expresión entre alegre e
ansiosa. Colleume nos brazos e, guiado por outros dous homes, baixoume polos
carreiros do monte ata chegar á pista máis ancha que o bordeaba.
Alí metémonos nun coche que nos levou deica a nosa casa, onde nos
agardaba miña nai, que ao verme trocou os choros de angustia polas
bágoas de alegría.
As patrullas que subiran ao monte seguiron rexistrando o
lugar durante toda a noite, na procura de Carlos, mais sen resultado
ningún. Dous homes mergulláronse varias veces na poza, de
insólita profundidade, pero non atoparon nada. A busca continuou durante
os seguintes días, tanto no calvelo como en cada un dos recunchos do
outeiro. E tamén na poza, xa con mergulladores preparados, onde tampouco
non se atopou nada. Pasado o tempo, fíxose evidente para todos que
Carlos non aparecería nunca máis.
4
Enfermei, e durante varios días mesmo temeron que non
me recuperase. Daquela non tiñamos os avances que hai hoxe, e
supoño que o meu corpo se veu obrigado a loitar sen axudas contra unha
enfermidade para a que non había medicinas, pois nacía das
emocións do meu cerebro. Pero eu era de natureza forte e acabei
recuperándome.
Foi entón cando lles contei todo o que nos ocorrera,
tal e como eu o lembraba. Pero, aínda que non mo dixeron abertamente,
ben notei que nin meus pais, nin os de Carlos, nin a Guardia Civil, nin os
periodistas, nin sequera Rosalía, crían na miña historia.
No fondo, supoño que entendían o meu relato como un
desvarío fabuloso que tiña a virtude de darme unha
explicación que, cando menos a min, me servía para sobrevivir.
Eles barallaban outras hipóteses máis previsibles, pero ningunha
serviu para atopar o meu amigo.
Cando mellorei o suficiente, subín outra vez ata o
calvelo, na compaña de meus pais. Os da Guardia Civil querían
facer unha reconstrucción dos feitos, por se eu era capaz, aínda
sen prevelo, de ofrecerlles algunha pista nova. Custoume moito traballo vencer
o temor que sentía, malia seren as doce do mediodía e brillar o
sol con especial intensidade. Volvinme ver naquel claro do bosque, achegueime
con espanto á poza de augas escuras, contemplei de novo o enorme menhir.
O terrible menhir, e tamén as pedras máis pequenas chantadas ao
redor del.
Foi entón cando un medo atroz, un espanto como nunca
sentira nin volverei sentir no que me quede de vida, me asolagou por enteiro e
se infiltrou ata as capas máis agochadas do cerebro. Foi tamén
cando decidín calar, calar para sempre, gardar o horror tan só
para min. Agora sabía que nunca me crerían, que mesmo
poderían chegar a dubidar da miña saúde mental e
internarme nun daqueles lugares terribles onde antes se illaba aos
tolos.
Cando me atopei ante o menhir, contei mentalmente as pedras
chantadas arredor del. Agora había once pedras, e non dez, como contara
aquela tarde. Unha delas aparecía coa superficie máis limpa que
as outras, como se se chantara había aínda pouco, e o vento e a
auga non tiveran tempo de escurecela. Ao anicarme e mirala de preto,
subitamente alarmada por un deses irracionais avisos interiores que ás
veces sentimos, comprendino todo nun instante. Por unha das súas caras,
a pedra tiña unhas formas en relevo, unhas formas que gardaban unha
estreita semellanza coas dun rostro moi querido para min: o do meu amigo
Carlos, condenado a permanecer naquel lugar durante toda a eternidade.
|