agustínEntrevista
     
 
linha
Agustín
Vídeos
Textos
Obra
Materiales
Traducciones
 
Xoves, 23 de maio de 2002                  FARO DA CULTURA                  FARO DE VIGO


Agustín Fernández Paz - Escritor

"Só se pode ser universal sendo fiel ás propias raíces "

RAMÓN NICOLÁS
  O escritor chairego Fernández Paz volve estar de actualidade por dúas razóns: Aire negro, en traducción catalana, vén de gañar o prestixioso premio "Protagonista Jove", un galardón que os propios lectores cataláns máis novos outorgan á mellor novela do ano. Asemade vén de reditar a súa última novela: No corazón do bosque. De todo isto e de máis cousas falamos co autor.

   -Aire negro vén de ser recoñecido cun galardón por lectores novos cataláns. ¿Que supón para ti este premio?

   -Os premios sempre se agradecen, pero máis se son coma este: un premio dos lectores sen interferencias de ningún tipo. É un recoñecemento a unha novela que me ocupou case dous anos, pero que tamén me deixou moi satisfeito. Por outra banda, danmo en Cataluña, onde teño case todos os meus libros traducidos. É unha constatación máis, por se fixese falta, de que as historias nosas (a novela transcorre nunha pequena aldea da Terra Chá), se están ben, van interesar en calquera lugar do mundo. Só se pode ser universal sendo fiel ás propias raíces: é unha evidencia, pero convén lembralo de cando en vez.

   -Inequivocamente cada libro novo teu supón un éxito de lectores e críticos. ¿Onde están as claves do teu éxito?

   -Posiblemente non sexa eu o máis indicado para falar desas claves, pero tampouco quero fuxir da pregunta. Quizais a principal estea en que nunca dou por rematado un texto ata que me sinto satisfeito co resultado. Iso lévamoe a corrixir unha e outra vez, buscando que o texto flúa como a auga dun río.
   Ademais, nunca me esquezo do lector: intento que a narración o atrape desde as primeiras páxinas, que sinta a atracción que antes me arrastrou a min a escribila.

       Agustín

  -O teu relato no libro colectivo Longa Lingua.Os contos da Mesa expón, ficcionalmente, unha teoría curiosa que comparto, como é a recuperación da lingua a través dos máis novos. Acreditas, logo, nesa teoría...

   -Máis que unha teoría, é un acto de fe, unha aposta pola única saída. Eu pertenzo a unha xeración, a das persoas que medramos na posguerra inacabable, que padeceu uns prezuízos feroces sobre o galego. A mestra que protagoniza o meu conto é unha cómplice disto, pero tamén unha víctima. Por iso creo que o futuro da lingua está na xente moza, nestas xeracións que poden abandonar os vellos prexuízos e facer realidade a normalización social da lingua.

   -Ao meu zuízo Aire negro, O centro do laberinto..., e outros, non son unicamente textos para lectores novos. Para cando unha novela túa nun formato de narrativa "adulta"...
   -Claro que non son textos para lectores mozos; eu busco tamén a complicidade do lector adulto, é algo deliberado. Pero prefiro publicar en coleccións xuvenís, quizais porque, usando as palabras do noruegués Jostein Gaarder, me sinto comprometido nunha loita explícita por lograr un status digno para a literatura xuvenil.
   Dito isto, non exclúo que, no futuro, algún libro meu apareza nunha colección para adultos. Aínda que a miña intención é seguir escribindo narracións que lle interesen tanto ao lector mozo como ao adulto.

   -Fálanos de No corazón do bosque, a túa última novela agora reeditada.

   -É unha novela para rapaces novos. O que abordo nela son as relacións entre o mundo real e o mundo imaxinario do noso país. Os dous mundos aparecen personificados en Raquel, unha nena de cidade, e Derdrín, o último trasno que queda nas fragas do Eume. A relación deles dous ao longo dun ano dáme pé para abordar diversos temas de actualidade. Aínda que o principal, o que está sempre como pano de fondo, é a necesidade de que as novas xeracións entren en contacto co imaxinario mítico de Galicia, que segue a ter moito que dicirnos.

   -Tamén exerces a crítica de literatura infantoxuvenil, ¿cal é a súa vitalidade e a súa presencia nos suplementos xornalísticos?

   -Creo que a situación mellorou nos últimos tempos. Antes só atopabas breves recensións, en certas datas, escritas nun ton condescendente e tenrurista que agachaba unha clara minusvaloración. Agora, dentro das dificultades que ten a crítica literaria en xeral, obsérvase un tratamento máis maduro e obxectivo. Posiblemente porque xa se comeza a asumir que é un xénero cunhas características de seu, que ten, ademais, unha importancia decisiva no achegamento dos lectores mozos ao feito literario.

   -¿Que proxectos inmediatos tes?

   -Deixando á parte outros proxectos de menor extensión, o que está máis adiantado é un libro (tamén xuvenil, tamén para adultos) que se chamará Noite de voraces sombras, un verso tirado dun dos derradeiros poemas de Valente, o poeta que me leva acompañando máis de media vida. Nel haberá dúas novelas curtas, moi interrelacionadas, nas que abordo o tema da guerra civil en Galicia. Son textos realistas, con incursións fantásticas, que é o meu xeito preferido de ollar a realidade.

Un autor necesario
  Ao meu xuízo as achegas literarias que desde hai un bo feixe de anos vén facendo Agustín Fernández Paz, especialmente abeirado, pero non só, á conformación dun corpus narrativo que calle nos lectores máis novos, constitúen un dos esteos máis necesarios e impagables cos que se constrúe a nosa República das Letras contemporánea.
   Son xa lexión aqueles que, iniciados con algunha obra de Fernández Paz -velaí os clásicos Contos por palabras, Aire negro ou O centro do laberinto, entre moitos outros- convértense en lectores, e ademais lectores en galego, para sempre. Este vilalbés afincado en Vigo é un auténtico luxo para as nosas letras e, e por se fosen poucos os galardóns que ata hoxe recibiu, este premio "Protagonista Jove" outorgado en Cataluña, sen dúbida, así o confirma. Virán máis, estou certo, pois ese vello caderno no que o autor garda unha chea de historias e argumentos á espera de recibir forma literaria, non me vai deixar mentir.
  Ao tempo reedítase na colección Sopa de letras, en Xerais, o seu No corazón do bosque, acompañado dunhas excelentes ilustracións de Miguelanxo Prado. Un libro que se abre cunha significativa citación tirada do Retorno a Tagen Ata ferriniano, e no que formula un ricaz encontro entre unha nena de hoxe -Raquel- e un trasno -Derdrín-, argumento contextualizado nas saudosas fragas do Eume e no que paira a intención de lembrar aos lectores, a todos os lectores, a vitalidade dese mundo máxico de noso, un patrimonio por veces ameazado. Un libro, en definitiva, que volve transmitir o entusiasmo e a paxión en doses igualadas que o autor deposita en cada traballo e que, a carón doutros moitos, vai percorrendo un camiño mercé ao que se sitúa en postos destacados a nosa producción literaria para os máis novos e, xa que logo, desprázaa do lugar marxinal que ata hai pouco ocupaba.