RAMÓN NICOLÁS
O
escritor chairego Fernández Paz volve estar de actualidade por
dúas razóns: Aire negro, en traducción catalana,
vén de gañar o prestixioso premio "Protagonista Jove",
un galardón que os propios lectores cataláns máis novos
outorgan á mellor novela do ano. Asemade vén de reditar a
súa última novela: No corazón do bosque. De todo
isto e de máis cousas falamos co autor.
-Aire negro vén de ser recoñecido cun
galardón por lectores novos cataláns. ¿Que supón para
ti este premio?
-Os premios sempre se agradecen, pero máis se son coma
este: un premio dos lectores sen interferencias de ningún tipo. É
un recoñecemento a unha novela que me ocupou case dous anos, pero que
tamén me deixou moi satisfeito. Por outra banda, danmo en
Cataluña, onde teño case todos os meus libros traducidos.
É unha constatación máis, por se fixese falta, de que as
historias nosas (a novela transcorre nunha pequena aldea da Terra Chá),
se están ben, van interesar en calquera lugar do mundo. Só se
pode ser universal sendo fiel ás propias raíces: é unha
evidencia, pero convén lembralo de cando en vez.
-Inequivocamente cada libro novo teu supón un
éxito de lectores e críticos. ¿Onde están as claves
do teu éxito?
-Posiblemente non sexa eu o máis indicado para falar desas
claves, pero tampouco quero fuxir da pregunta. Quizais a principal estea en que
nunca dou por rematado un texto ata que me sinto satisfeito co resultado. Iso
lévamoe a corrixir unha e outra vez, buscando que o texto flúa
como a auga dun río.
Ademais, nunca me esquezo do lector: intento que a
narración o atrape desde as primeiras páxinas, que sinta a
atracción que antes me arrastrou a min a escribila.
|

-O teu relato no libro colectivo Longa
Lingua.Os contos da Mesa expón, ficcionalmente, unha teoría
curiosa que comparto, como é a recuperación da lingua a
través dos máis novos. Acreditas, logo, nesa
teoría...
-Máis que unha teoría, é un acto de fe, unha
aposta pola única saída. Eu pertenzo a unha xeración, a
das persoas que medramos na posguerra inacabable, que padeceu uns
prezuízos feroces sobre o galego. A mestra que protagoniza o meu conto
é unha cómplice disto, pero tamén unha víctima. Por
iso creo que o futuro da lingua está na xente moza, nestas
xeracións que poden abandonar os vellos prexuízos e facer
realidade a normalización social da lingua.
-Ao meu zuízo Aire negro, O centro do laberinto..., e
outros, non son unicamente textos para lectores novos. Para cando unha novela
túa nun formato de narrativa "adulta"...
-Claro que non son textos para lectores mozos; eu busco
tamén a complicidade do lector adulto, é algo deliberado. Pero
prefiro publicar en coleccións xuvenís, quizais porque, usando as
palabras do noruegués Jostein Gaarder, me sinto comprometido nunha loita
explícita por lograr un status digno para a literatura xuvenil.
Dito isto, non exclúo que, no futuro, algún libro
meu apareza nunha colección para adultos. Aínda que a miña
intención é seguir escribindo narracións que lle interesen
tanto ao lector mozo como ao adulto.
-Fálanos de No corazón do bosque, a túa
última novela agora reeditada.
|
-É unha
novela para rapaces novos. O que abordo nela son as relacións entre o
mundo real e o mundo imaxinario do noso país. Os dous mundos aparecen
personificados en Raquel, unha nena de cidade, e Derdrín, o
último trasno que queda nas fragas do Eume. A relación deles dous
ao longo dun ano dáme pé para abordar diversos temas de
actualidade. Aínda que o principal, o que está sempre como pano
de fondo, é a necesidade de que as novas xeracións entren en
contacto co imaxinario mítico de Galicia, que segue a ter moito que
dicirnos.
-Tamén exerces a crítica de literatura
infantoxuvenil, ¿cal é a súa vitalidade e a súa
presencia nos suplementos xornalísticos?
-Creo que a situación mellorou nos últimos tempos.
Antes só atopabas breves recensións, en certas datas, escritas
nun ton condescendente e tenrurista que agachaba unha clara
minusvaloración. Agora, dentro das dificultades que ten a crítica
literaria en xeral, obsérvase un tratamento máis maduro e
obxectivo. Posiblemente porque xa se comeza a asumir que é un
xénero cunhas características de seu, que ten, ademais, unha
importancia decisiva no achegamento dos lectores mozos ao feito literario.
-¿Que proxectos inmediatos tes?
-Deixando á parte outros proxectos de menor
extensión, o que está máis adiantado é un libro
(tamén xuvenil, tamén para adultos) que se chamará
Noite de voraces sombras, un verso tirado dun dos derradeiros poemas de
Valente, o poeta que me leva acompañando máis de media vida. Nel
haberá dúas novelas curtas, moi interrelacionadas, nas que abordo
o tema da guerra civil en Galicia. Son textos realistas, con incursións
fantásticas, que é o meu xeito preferido de ollar a realidade.
|