agustínEntrevista
     
 
linha
Agustín
Textos
Obra
Materiais
Traduccións

 
   1.


a cociña de... Agustín Fernández Paz

A cociña de... é unha nova sección de Eidos do libro na que intentaremos dar a coñecer dalgún xeito os costumes e manías dos autores, editores, ilustradores... Se escriben ou debuxan en zapatillas, como se lles ocorren as ideas, en que se inspiran, se usan lixivia para corrixir os orixinais ou nunca corrixen, cantos libros teñen que ler antes de decidirse a editar un... En definitiva, todo aquilo que se podería comentar tranquilamente nunha charla na cociña tomando un café ou unhas lascas de xamón e queixo con viño do país.
E inauguramos a sección nada menos que da man de Agustín Fernández Paz, escritor, profesor de Lingua Galega en secundaria e un dos actuais directores da Colección Merlín de literatura infantil e xuvenil da editorial Xerais.
O escritor vilalbés é coñecido sobre todo pola súa faceta literaria, aínda que ten unha obra importante espallada por xornais e revistas de pedagoxía e educación. Membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega, a maior parte dos seus traballos xiran arredor de temas como a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua ou a introducción dos medios de comunicación nas aulas.
Recibiu numerosos galardóns pola súa obra, tanto de ficción como de ensaio, entre eles o Merlín (1989), o Lazarillo (1990) e Lista de Honra do IBBY para o bienio 19990-2, o Premio Ourense de Banda Deseñada (1992), o Rañolas (1995), e o máis recente, o Premio Raíña Lupa 1998, convocado pola Deputación da Coruña.
Autor de infinidade de títulos, algúns deles traducidos a varios idiomas, este outono sairán as versións en portugués de Cartas de inverno e Rapazas, O laboratorio do doutor Nogueira e a obra Cos pés no aire, gañadora do Raíña Lupa.

¿Como se che ocorren as ideas para as novelas?
No meu caso, non é nada orixinal. As ideas véñenme dun xeito natural, como pode vir a chuvia cada pouco, sen que teña que facer un esforzo especial por buscalas. É certo que, ás veces, escavo deliberadamente nunha veta onde sei que podo atopar bos materiais (coma tal, os anuncios por palabras dos xornais, que están na orixe de libros como Contos por palabras ou Amor dos quince anos, Marylin), pero non é o habitual. Logo, cando reflexionas sobre esas ideas, descobres que a súa raíz sempre está nalgunha vivencia (lecturas incluídas) ou nalgunha cuestión que che interesa especialmente (o futuro da lingua, en O centro do labirinto; a reivindicación coeducativa en Rapazas). Con todo, unha vez decidida a historia, a miña preocupación principal está nas estratexias narrativas que debo utilizar para contala. Iso si que case sempre me obriga a un proceso de reflexión e mesmo a ensaiar diferentes camiños, na procura do que sexa máis axeitado.

¿Cantas horas traballas ao día?
O primeiro borrador dos meus libros, moi esquemático e incompleto, escríboo sempre a man, no tempo das vacacións, porque para sentirme a gusto nese proceso de creación necesito ter a cabeza libre doutros mesteres. Eses días podo escribir dúas ou tres horas diarias, aínda que non teño unha regra fixa. Despois, o proceso de darlle forma a ese borrador, que é a parte longa e dificultosa do traballo, ocúpame varios meses; nese tempo vou traballando aos poucos, en función do tempo libro do que dispoña.

¿Que necesitas para traballar? ¿Tes algunha manía?


          Agustín

Cando estou escribindo o primeiro borrador necesito tranquilidade e silencio, que tamén veñen ben para as fases posteriores, pero xa non son imprescindibles. En canto ás manías, por exemplo, preciso escribir os meus borradores en cadernos de papel satinado (se é de cor amarela, mellor), para que a man e o rotulador se movan sen dificultade.

¿Que tal te levas co ordenador?
De marabilla. Sería complicadísimo traballar sen el (e ben lembro os tempos en que utilizabamos a máquina de escribir). A facilidade para corrixir e manipular os textos todo canto queiras é algo impagable, ademais doutras vantaxes menores.

Cando tes escrita unha obra, ¿a quen lla dás a ler?
Case sempre lla dou a unha boa amiga miña, moi crítica con todo o que fago. Esa crítica sincera, aínda que me poida molestar nun primeiro momento, éme moi beneficiosa porque me axuda a corrixir defectos que eu, como autor, pasara por alto. Ademais, acostumo deixar que o libro apouse uns meses para poder logo corrixilo con esa ollada nova que só dá o paso do tempo.

¿Que libro che gustaría escribir?
Gustaríame escribir un libro que provocase nos lectores algunha emoción semellante á que provocaron en min algunhas obras inesquecibles (e penso, cinguíndome deliberadamente só ao eido da literatura infantil-xuvenil, en títulos como Ben quere a Ana (Peter Härtling), Rebeldes (Susan Hinton), Pequenos vagabundos (Gianni Rodari) ou Cando Hitler roubou o coello rosa (Judith Kerr).

¿Cal é o teu libro de cabeceira? Non teño exactamente libros de cabeceira, pero si autores aos que me gusta volver unha e outra vez. Case sempre son nomes que foron moi importantes nalgún momento da miña vida como lector: Kafka, Valente, Méndez Ferrín, Hammett, Lovecraft, Stevenson, Cortázar... Dos máis actuais gústame Paul Auster e algúns dos narradores galegos de hoxe. E logo está a banda deseñada, unha lectura imprescindible desde hai moitos anos (Miguelanxo Prado, Enki Bilal, Hugo Pratt...).

Para ser escritor, ¿hai que ser un bo lector?
É unha condición esencial, porque ler e escribir son como dúas caras dunha mesma moeda. Cómpre ler, empaparse de historias, e tamén darlles a volta e descubrirlles as costuras. Aínda que hai un bo mangado de obras imprescindibles, tamén é bo deixarse levar polos propios gustos e non ter reparo en ler de todo.

¿Que recomendas aos que queren ser escritores?
Cada vida ten moito de aventura persoal e única, pero, xa postos, creo que cómpren altas doses de traballo e constancia, porque escribir leva tempo, esixe esforzo e paciencia para traballar o texto ata conseguir algo que te deixe satisfeito.


(Eidos do Libro. Revista Galega do Libro. Nº 1. Outubro 1998)


   2. Faro de Vigo - maio 2002