|
Logo de ler un libro de contos no
que unha fada lle dá á rapaza protagonista un nobelo de
fío de ouro que lle permitirá atoparse de novo con esta cando a
precise, Zita chorou conmovida. Adormeceu soñando co conto e ao acordar
sentiu a ilusión de ter unha fada madriña que fose a súa
amiga ou protectora, como as dos libros.
Para cumprir o seu soño, foi onda un Facedor de Contos. Este escoitouna
con todo o interese, xa que estaba a escribir a historia dunha nena que, como
quería ter unha fada amiga, viría visitalo. Como fixera Zita. Ela
mostrouse disposta a colaborar, describíndolla tal e como a imaxinaba.
Esa noite, cada un na súa casa, espertaron os dous ao mesmo tempo e
vírona. ao día seguinte, acordaron as palabras que el ía
escribir no caderniño negro de pencas vermellas a xeito de esconxuro
para que a fada aparecese: luz, estrela, alegría, dous brincos de
abelurias... Para que lles axudase a convocala, visitaron a Noventa, o Facedor
de Estampas que converte as palabras en ilustracións, quen esa mesma
noite acordou coa visión da fada. Cando volveron onda el Zita e o
Facedor de Contos, viron todo o conto debuxado. Só lle faltaba o final,
que tiña que poñer Zita.
Esa mesma noite viu a fada, tal e como a debuxara o Facedor de Estampas. E
sentiu no corazón as súas palabras: será a súa
amiga secreta, que aparecerá cando a necesite ou desexe intensamente.
Logo, esvaeceuse nun fío de luz, que formou un nobelo que se pousou nas
mans de Zita. Gardouno na súa caixiña dos tesouros e volveu
adormecer.
|