|
Ramón, mentres a mestra dona Felicitas explica,
está nos biosbardos mirando para o boneco de madeira articulado que
teñen na aula. Cando acorda, descobre con abraio que a mestra collera a
forma do boneco. Ben mirado, ser vesgo -birollo segundo os amigos-, que cada
ollo mire para o seu lado, non deixa de ter as súas vantaxes: de volta
para a casa, fusiona dous coches nun con dous volantes e dous conductores,
mesturando as imaxes coa vista e na casa une o gato cun xerro de barro. Pero a
ninguén parece importarlle: ata o médico anunciou que á
mestra logo lle pasaría; de feito, é un cacho de madeira sen cara
impartindo clases con aparente normalidade.
Pero o mellor deste seu novo poder foi cando se riu del na escola o
abusón de Vicente: con carraxe, fusionouno coa segunda palabra do
título do libro "O burro máis listo do mundo" e
saíronlle dúas orellazas e un rabo. Ou na rúa, cando uns
individuos con botazas e cabezas rapadas acurralaban a un rapaz con pel algo
máis escura vendedor de alfombras: escureceulle a pel e púxolle
as cores rechamantes da alfombra a un dos mangallóns, polo que os outros
pegaron a perseguilo.
Esa tarde foi ao oculista: para corrixir o defecto dos ollos tiña que
tapar cun parche un deles. Amargáballe perder o don que viña de
descubrir. Por outro lado, as transformacións non eran irreversibles:
aínda que Vicente seguía con rabo e orellas, dona Felicitas
volvera ao seu ser orixinal.
Aínda que, ben pensado, sempre lle quedaría a posibilidade de
provocar unha nova fusión: despegando o parche un momento e
volvéndoo pegar sen que a súa mai se enteirase.
|