Textos Xabier P. Docampo Imaxes Textos Materiais Traducións
 



Xabier P. Docampo: A noite das filantes
Ilustracións de Xosé Cobas

Col. Arbore. Os Duros, 31. Ed. Galaxia. Vigo, 2009

A noite das filantes

Aquela noite de agosto, unha das estrelas filantes chegou ao chan. Foi onda ela un gato, que levou o susto máis grande da súa vida. Os nenos, que pediran desexos ao velas, foron á súa procura: buscárona no fondo do mar, onde había unha fermosa estrela, pero non era a que caera do ceo; no campo que abeira a cidade, deron con outra, pero tampouco a era; nin a estrela de xente que viron nunha fiestra da cidade. Como unha nena a vira ir diante do tren, achegáronse ata o lugar onde se forma a estrela dos camiños de ferro. Marcharon logo ao río, e deron coa estrela de auga que se forma onde nacen todos os ríos da Terra. Pero non deixaron de buscar, ata dar con aquel neno que lía o mundo coa punta dos dedos. As súas mans debuxaron o seu desexo no aire da noite. E cando se puxo de pé descubriron o prodixio: tiña luz dentro, como se a estrela se lle metese dentro.
O traballo de ilustración recorre a unha concepción pictórica para presentar sobre fondos escuros mínimos trazos figurativos, creando un clima metafórico misterioso e atraente.