|
Unha noite de invernía alguén comentou na taberna
que non entendía cómo en noites así as illas non marchaban
mar adiante. O Visito, bebedor solitario que dixo coñecer unha,
ofreceuse a contarlle na súa casa a historia dun home que tivo o mar
dentro da cabeza.
Contou dun rei sabio e xusto, Gaoth, a quen lle agoiraran ao nacer que o seu
único perigo viría do mar, polo que mandou erguer unha torre na
beiramar para vixialo. Unha noite descubriu unha enorme illa, á que
ningún barco se podía achegar pois as ondas que a cercaban
impedían o desembarco. O sabio Fedhas descifrou nun vello libro que un
antepasado de Gaoth, o rei Nair, desapareceu andando cara ao mar buscando
conquistar unha illa onde a alma de seu pai estaba confinada e sen poder
descansar definitivamente. Debía ser esta mesma illa, na que
estarían retidas as almas deses antepasados. Foi Gaoth a ela: un
camiño no mar conduciulle a barca... Neste punto, como estaba a amencer,
parou o conto o Visito.
No anoitecer seguinte, continuou: Gaoth frecuentou a illa, fermosa e virxe,
para recrearse na beleza do lugar. Só para el o mar estaba calmo. Certo
día descubriu, agachado no manto de sombra que o tornaba invisible, a
muller máis fermosa que nunca vira. Era unha habitante do mar que subira
a terra canda a illa, como condena por unha grave falta. Cada día, ela
contáballe as súas historias, que el lle refería a Fedhas
pola noite para que llas interpretase. De tanta visita á illa, o rei
acabou enfermando. Cando pretendeu volver, faltaba a súa lancha. Foi no
bote dun mariñeiro e descubriuna no areal. Nesta altura da
narración, Visito quedou durmido: estaba amencendo.
Rematou na noite terceira: o rei sorprendeu a moza falando co seu fillo, o
príncipe Ailfein, e facéndolle riscos no peito, como
contándolle algunha parte das historias que a el lle negara. Furioso,
regresou ao reino e ordenou que o prendesen en canto regresase. Cando tal
fixeron, trouxo a rapaza durmida, recluíndoa nun sitio secreto vixiada
por unha anciá. Entón un vento inmenso devastou a illa,
afundíndoa. Só daquela o mar ficou calmo. Pero o rei notou que o
tiña todo dentro de si: o mar bruáballe na súa cabeza.
Fedhas soubo que a moza era Aileoin, que significa illa, e que lonxe do mar
morría. Mandouna traer o rei para confinala no castelo do norte, na
beiramar, mais xa esmorecera. O fillo confesoulle que a visitaba mentres o pai
estaba enfermo porque lle contara que nada había pasar mentres
permanecesen na illa. Cando a volveu ver, o fillo deixou de alentar. E un
estrondo levou o cantil co castelo do norte. Nel ían os dous mozos
namorados.
Fora o mar que saíra de Gaoth, quen xacía morto. Porque
ningún castigo merece ser eterno e ningunha culpa é imperdoable.
A illa aínda vaga polo mar, máis só poden vela
algúns escollidos...
|