|
Mauro, mozo que traballa de detective privado,
encárgase de asuntos menores como cobrar facturas impagadas ou seguir a
unha posible adúltera que resulta ser integrante dunha secta
religiosa. Pero todo se lle complica cando un rapaciño
portugués de 17 anos que vive nun barco abandonado, colaborador seu,
aparece morto logo de lle pedir que intente localizar a súa irmá,
que fuxira da casa e traballaba nunha barra americana. Cómprelle
entón unha "pipa" do mercado negro. Tirando do nobelo
trala morte do rapaz, averigua que o chulo das barras está metido nunha
rede de traficantes de droga e que unha cadea de hamburgueserías utiliza
cans abandonados. Sufrindo algunha que outra malleira, entra en contacto co
mundo da delincuencia de aparente guante branco e é testemuña de
varias mortes por axuste de contas entre eles. Un dos que quedan
confésalle no seu chalé que nunca xuntará probas contra
el, que ademais ten outros xefes socialmente moi respectados. Nunca dará
coa inexistente "chave das noces" que lle abra as portas dos seus
superiores na rede mafiosa. Tampouco hai solución para o caso da
portuguesa Maria do Céu, que quere "facer carreira" para
axudar a familia. Ou para Lurpio, drogata que rouba pequenos obxectos de
consumo que Mauro non repare en comprarlle ás veces para Inés, a
súa moza, coa que pode estabilizar a súa relación mentres
soa Leonard Cohen nun disco roubado.
|