
Col. Merlín Eds. Xerais.
Vigo, 1994
Col. Fóra de Xogo, 46
Eds. Xerais. Vigo, 2000
 Biblioteca Galega 120, 90 Ed. La Voz de Galicia A
Coruña, 2002 |
Logo dunha reflexión inicial do autor
sobre o gusto pola narración oral, que inclúe o
recoñecemento a seu pai como gran contador de historias, reúnense
catro historias de medo co desexo de que o lector sexa tamén dono do seu
propio medo e as faga súas, para contalas tamén, a xeito de
transmisor oral, continuando o fío da literatura tradicional
popular. O espello do viaxeiro: Un home volve á casa familiar
logo de 7 anos, para facerse cargo da herdanza dos seus pais mortos. Perdido na
noite, vai dar a unha ferraría, onde só está o dono, que
é fisicamente igual a el salvo que non ten a pálpebra do ollo
esquerdo. Beben, acaban pelexando e o ferreiro féreo nun ollo: xa son
iguais. Mátao o viaxeiro e ao día seguinte regresan a muller e o
fillo, que o toman polo ferreiro auténtico. Eis a súa condena:
ocupar o lugar do morto. O fornadas: Tres das víctimas dunha
vella moi ruín decidiron darlle un escarmento e acabaron matándoa
a golpes. Cando foron queimar o seu corpo a un forno abandonado, nun momento
dado incorporóuse, anunciando que se vingaría do que lle dara co
pau na fronte, o Teixo. Liscaron asustados. Prenderon e condenaron ao Teixo, a
quen a xente alcumou o Fornadas. Ao saír da cadea tornou solitario e moi
raro. Un día contoulle ao narrador que se lle aparecía a vella e
mesmo lle metía a man dentro do estómago, sacábaa
ensanguentada e comía algo, dicíndolle que o agardaba no inferno.
Aínda que por fóra non tiña marca ningunha. Cando apareceu
morto, segundo o médico estaba baleiro por dentro. A loba:
Silvestre levou a moza á Coruña para desfacer o fillo que el
axudara a facer. E logo casou con outra. O día da voda, a primeira moza
foille dicir que lle debía un fillo. Logo, enforcouse,
converténdose na xefa dunha manda de lobos terribles, que os homes non
daban matado. Un día dunha batida rouboulle o filliño de
Silvestre á muller. Silvestre deu coa loba nunha palleira e, sen saber
que tiña o bebé con ela, prendeulle lume: Mais cando soubo que
estaba dentro o seu fillo, entrou el tamén, morrendo os tres
queimados. O cumpremortes: A un home só chegoulle un
día unha carta de "felicitación" pois ese día había
morrer. Buscando evitar que se cumprise a súa morte, escapou para outra
vila ou para a cidade, sen deixar rastro, pero seguíanlle chegando cada
ano senllas cartas (cada vez máis curtas). Vivía pendente do que
sería o seu último día do seu último ano segundo as
cartas e non paraba en pousada nin sitio ningún para non ser localizado.
Ata que un deses días do seu "cumpremortes", pasadas as doce da noite
achegóuselle a muller "da gadaña", que lle dixo que librara dela
por atreverse a non resignarse ao destino que lle viña escrito e ser
quen de cambiar de vida... Aínda que agora que non se cumpriu o
anunciado non sabe qué facer da súa vida. |