 |
Conta o narrador que aos seus doce anos argallou un xogo que se
chegou a converter nunha paixón: pillaba unha bolboreta e metíaa
na boca. Aguantando a respiración todo o posible, coas meixelas
inchadas, vivía o pracer de notala revoar dentro. Sen lle facer dano,
deixábaa logo fuxir voando. Un día ensinoulle o xogo a unha
rapaza da que estaba namorado. Pero ela pouco aguantaba a bolboreta na boca.
Como lle facía cóxegas, pegaba a rir, deixándoa liscar. A
aprendizaxe do xogo converteuse no sentido da súa relación.
Aínda que lle producía desasosego comprobar que a rapaza non daba
aprendido a compartilo. Ata que un día, mentres a bolboreta lle
enchía a boca de azul e cerraba os ollos para identificar ben todas as
sensacións, ela pediulle que lla pasase. A bolboreta pasou de boca a
boca. Daquela sentiu por primeira vez prolongarse o pracer de cando el a
tiña, mentres ela a gardou na súa cos ollos pechados. Ao que a
deixou saír, a rapaza dixo que xa empezaba a saber ter unha bolboreta na
boca. E marchou correndo, pero non sen antes pedirlle que ao día
seguinte lle pasase outra. Entón sentiu milleiros e milleiros de
bolboretas voando dentro de si. O texto, moi breve, de paixón
contida, evoca un mundo de sensacións compartidas coa leneza das
ilustracións a toda páxina. |