 |
Nas festas de
Olveira, Sabela gaña o concurso de videoxogos derrotando ao terrible
Tiri. Por outro lado, Nito é o mellor na cazata de ratas. Desde
entón pilla e vende unhas cincocentas diarias, que provocan un medre
desmesurado nas fábricas de hamburguesas locais; pero os empresarios e o
alcalde impiden que o periódico local publique a reportaxe sobre o tema
dunha xove xornalista.
No castro, logo de saltar Sabela a fogueira na noite de San Xoán, unha
vella meiga anuncioulle que se lle vai cumprir o desexo que formulara, por
coincidir en lúa chea. Unha semana despois, seu irmán
Adrián, en nome dun grupo de ornitólogos, proponlle pescudar por
qué estan desaparecendo os poucos "Elanio azul" ou
"peneireiros cincentos" que quedan. Pero non ela soa: con Nito. Deste
xeito, en compañía do cazador de ratas, desprázase ata o
norte de Portugal, reserva duns poucos exemplares desa especie protexida de
aves. Na casa pensan que foron de acampada.
A súa aventura, co aliciente do coñecemento de fermosos espacios
naturais e outras culturas, continúa en Irlanda, onde se comerciara cun
peneireiro, segundo acordo do Gran Consello internacional de
ornitólogos. Alá van Nito e Sabela, en avión e con
pasaportes falsos .
Conseguen localizar o norteamericano que o vendera, Mr. Foster, pero este
encérraos na súa casa, da que logran escapar e foxen de
polizóns nun tren, gracias á cociñeira, que resultou ser
de Cangas. Ela dálles a pista que os fai volver á ría de
Vigo, onde no "The Africa Queen" descobren que o que pasan por
galiñas birmanas son en realidade peneireiros. Son a tapadeira para o
tráfico de diamantes de Mr. Foster, que ademais lles ten teima aos
ornitólogos e así mata dous paxaros dun tiro; o seguinte
obxectivo ían ser os ovos de voitre branco dos Pirineos. Detido pola
policía, teñen dereito a cobrar o rescate ofrecido pola
súa captura.
O desexo de Sabela no San Xoán fora ir a Brasil. Xa poden facer unha
viaxe ao Amazonas. Pero desta vez terá que lle contar a verdade a
súa mai.
|