 |
Unha noite, Rodrigo logrou dar caza ao sol antes
de que afogase no mar máis alá de Fisterra e viu (ou tal vez
soñou) os paxaros de mil e unha cores.
Nun avión construído con cartóns reciclados chegou a
Caibarén, a illa das cristas e os lagos de mil cores onde vivían
felices os paxaros cai-barén, que estaban cansos de tanta cor e
arelantes por viaxar a outras terras. Navegando nunha casca de ovo ou voando en
avións de papel (os únicos que voan case tan alto como a
imaxinación) viñeron con Rodrigo ata o seu país. Nel
fixéronse amigos dunhas paxariñas que levaban escritas no lombo
noticias e coñeceron lugares coas cores anubradas polo fume escuro das
chemineas e estraños túneles de metro, onde as cores buscan
refuxio nas paredes. Pero o que máis lles gustou foi o cuarto de
Rodrigo, cos osos de peluche que só o rapaz e eles podían
oír e os seus libros de contos.
Por iso algúns non quixeron regresar á súa illa e quedaron
entre as páxinas dun libro, "de onde só a túa
imaxinación pode facelos saír algunha noite".
Álbum de gran formato cun excepcional traballo de ilustración
seleccionado na Mostra Internacional de Boloña e premiado pola UNESCO en
Toquio.
|