 |
A Bibi poñíalle medo a noite e por iso nunca
quería ir durmir, pois na escuridade espreitaban monstros peludos,
escoitábanse ruídos misteriosos e as sombras ocupaban todo o aire
do cuarto como se a quixesen afogar. Ata que un día lle caeu un dente,
veu o rato Pérez e levouna do outro lado da noite. Fíxose
entón amiga das arañas e os sapos, que lle aprenderon a falar cos
monstros: Lapadoiras, que rilla sen parar as cousas amarelas e a lúa
(Bibi probouna: sabe a queixo); Sacáuntos, que coida os rabaños
de nubes quitándolles os untos para que non engorden e deixen ver o ceo;
Cocón, que zuga sombras nocturnas e cóspeas logo polo
día.
Coñeceu así os monstros de enorme dentamia que durante a noite
van papando a escuridade e polo día dormen. Volveu cando as
arañas lle pediron que apurase, para enrolar a persiana da noite e
deixar asomar o día.
|