|
El-Rei Artur vai de caza cos seus cabaleiros e
mata unha osa. Persegue logo un cervo branco, que se transforma no Cabaleiro do
Cervo e lle reprocha que queira matar un animal branco, pois son sagrados, polo
que o ha matar a el se dentro de un ano e un día non lle sabe contestar
o enigma de qué é o que máis desexan as mulleres. Como non
atopa resposta satisfactoria en sabios, soldados nin cabaleiros de Camelot,
Artur decide saír en busca dela.
Nunha ponte atopa a Galván, que trata de impedirlle o paso, pero como
sae derrotado ten que acompañar ao rei na súa procura. Chegan a
unha vila, onde todos dan respostas condicionadas polos seus intereses.
Alí, o rei, conmovido ao ver encadeado un osiño (fillo da osa que
el matara) para actuar nun espectáculo, compra a súa
liberación. Nun cruzamento baten cunha muller feísima, a
Abominable Dama, que lles di a resposta a cambio de que Galván acepte
casar con ela. Cofírmao o Cabaleiro do Cervo: "As mulleres queren
poder gobernar a súa vida" é a resposta correcta.
Esfúmase entón o cabaleiro e aparece a Abominable Dama reclamando
casar con Galván. A noite de vodas, un bico deste transfórmaa en
fermosa e ao deixarlle a ela a decisión de manter a beleza de día
ou de noite, rómpese todo o encantamento: é a fermosísima
Dama Ragnell.
Esta peza de teatro, interesante experiencia de colaboración entre unha
das máis recoñecidas escritoras galegas e os dous integrantes do
Grupo de Títeres Cachirulo, ábrese cunha breve
caracterización dos personaxes e péchase cun apéndice,
"Agardando a volta de Artur", no que se relatan os episodios
máis relevantes da tradición narrativa artúrica.
|