|
O derradeiro día das vacacións de
agosto Raquel atopou unha enorme buguina entre as rochas da praia.
Tróuxoa para a súa casa na cidade. Esa mesma noite, un golpe seco
espertouna: a buguina estaba na alfombra e pola súa abertura asomaba
unha diminuta serea. É Sunia, da estirpe das Sereas Minúsculas.
Pedíralle axuda á buguina para poder facer amizade con Raquel,
á que estivera observando nos seus xogos: quere pasar onda ela os meses
de inverno, tan aburridos na praia solitaria. A cambio, contaralle un conto
marabilloso cada noite. Pasaron os días coas súas noites de
amizade entre as dúas. Pero unha noite de novembro a serea, desacougada,
non foi capaz de contarlle ningún conto: saía un cheiro moi
desagradable da buguina e nela non se oía o mar senón un
ruído estraño. Axiña empezou a botar alcatrán
como o das estradas. Os pais axudáronlle a encher moitas tinas co
inmenso regueiro de chapapote. Entón presentoulles a Sunia, unha serea
das de verdade. Malia que nalgúns informativos da televisión
contaban dun barco afundido con fuel, que non supoñía risco
ningún pois ía solidificar, chamaron ao encargado do
cámping, Xavier, que lles informou de que o chapapote asolagara a
súa praia. Alá foron: entre o cheiro pestilente, a praia negra,
as aves mortas, a desolación da catástrofe ecolóxica, os
barcos combatían no mar e voluntarios con monos brancos e gafas
plásticas limpaban a praia. Uníronse a eles. E Sunia, desesperada
por saber dos seus, guindouse ao mar. Ao mencer seguinte apareceu no areal o
seu corpiño sen vida: enterrárona no xardín do
cámping. En xaneiro, organizouse unha cadea humana de escolares para
defender simbolicamente a costa atacada pola marea negra. Raquel, levada pola
súa mai, formou parte dos rapaces que formaron na praia co seu corpo a
palabra VIDA. Da buguina aínda segue xurdindo un son triste.
Algún día escoitarase nela o rumor alegre do mar recuperado.
Entón se cadra Raquel poderá coñecer as compañeiras
de Sunia e "escoitar de novo as historias marabillosas que só
coñecen as Sereas Minúsculas, eses seres máxicos que viven
ocultos nalgunhas furnas da nosa beiramar". A edición
inclúe asemade sete anexos informativos sobre a catástrofe do
Prestige
|