|
Desde a fiestra do seu cuarto
piso, Raquel descobre entre a marea de xente que entra e sae do novo gran
supermercado a un home de pantalón negro, chaqueta estrafalaria, pelo
branco e unha pequena caixa na man dereita. Pero ninguén repara nel.
Todos pasan ao seu lado sen miralo, como se fose transparente, agás os
nenos. E cando estes, sorprendidos, o ollan, os pais tiran deles para non deter
a súa marcha. Tampouco a mai da rapaza pareceu velo, nin ao entrar nin
ao saír de comprar, aínda que el se lle puxo practicamente
diante. Tiña onda el un cartón rectangular que poñia
"Non teño traballo. Necesito comer" e unha caixa
metálica con algunhas moedas dentro. Desde ese día, Raquel,
intrigada, ofrécese a baixar polo pan ou o periódico e
obsérvao de preto: ten pelo branco, barba de dous días e na
ollada unha tristeza infinita. Ata que se atreve a dicirlle que coñece o
seu segredo: é invisible, por iso os maiores non o ven. El
cóntalle co seu acento estranxeiro que é un visitante das
estrelas, un explorador doutro planeta, que vén estudiar os homes, pois
sabe o que pensan cando pasan á súa beira. Chámase, seica,
Skywalker, como o da Guerra das Galaxias, que significa "o que percorre o
ceo". Ela comprométese a gardarlle o segredo. Sempre que pode
baixa falar con Skywalker, que lle conta que no seu planeta era músico e
mesmo escribira poemas. Alí está el cada día, mesmo cando
a ela lle dan vacacións no colexio. Aínda que á hora de
xantar desaparece. Raquel ségueo e averigua que se agacha no baixo da
Casa dos Gatos, unha casa abandonada onde cun forniño de gas prepara
unha sopa de verduras, pois segundo el dálles aos do seu planeta a
enerxía necesaria para resistir. Polas noites vai durmir a un
cráter da Lúa, a onde se traslada só con pensalo. Unha
noite ao saír do cine, Raquel descobre que hai homes que dormen envoltos
en cartóns nas entradas dos portais luxosos do centro. Un deles
parécelle Skywalker. Cando ao día seguinte llo comenta, este
infórmaa de que, como rematou a súa misión na Terra, vai
retornar ao seu planeta. Como lembranza da súa amizade, regálalle
unha bóla de cristal transparente cunha lúa e unha paisaxe
nocturna que ao achegala á lámpada aluma un anaco na escuridade.
Raquel agasállao cunha buguina para que escoite o mar no seu planeta,
onde non existe. Esa noite ela mira a súa bóla de cristal e
mándalle un bico ollando a lúa, a mesma que Skywalker mira desde
o vagón do tren de carga no que vai, con outros homes invisibles coma
el, a maioría de pel escura, que os acabará deixando nalgunha
estación doutra cidade descoñecida.
|