|
Levaba chovendo sen parar desde principios de
curso. Aquel día, no colexio da parte alta da cidade, Marta e os seus
compañeiros de cuarto curso tampouco puideron saír ao recreo pola
chuvia. Estaban na aula cando de repente todo se empezou a mover: o floreiro,
os cadernos... A escola comezou a esvarar pola aba do outeiro, lentamente,
ata deterse no medio do río, que medrara e batía con forza contra
as ventás. Entón un helicóptero veu anunciar que
ían evacuar os douscentos nenos tendendo desde a beira un
tubo-tobogán. ¡Pero o colexio deu en moverse outra vez, río
abaixo! Reunido o claustro de profesores, a directora, dona Ana, e o servil
xefe de estudos, Martín, deron instrucións de avanzar no
programa, aproveitando que ían permanecer moitas horas no centro. Mais
Ana, a profe de Marta que lles lía contos e propoñía que
eles os escribisen, negouse: seguindo unha idea de Marta, decidiran xogar a que
eran a tripulación dun barco. E ata a secundou o recto don
Damián, profesor do outro cuarto: "¡Deixémonos levar pola
vida! ¡Deixémonos ir río abaixo, o mesmo que o edificio!".
Nesas estaban cando chegaron á desembocadura do río no mar, onde
o colexio quedou asentado na area. Como xa era noite, durmiron nos
colchóns do ximnasio, despois de que Ana lles contase un conto de
medo. Ao espertaren, a marea leváraos ata mar aberto. Foi
entón cando don Damián, vestido de Capitán Kidd, cos seus
alumnos tamén de piratas, proclamou como única lei do barco a lei
do mar, a dos homes que aman a liberdade, logo de pechar no seu despacho
á directora, a secretaria e mais o xefe de estudos. Como escaseaba a
comida, puxéronse a pescar toda clase de peixes, que prepararon coa
axuda da cociñeira, Carlota. Acompañados de golfiños
brincando na auga, pensaban ir á illa Tartaruga, a que serve de refuxio
aos piratas, no mar das Antillas. Pero todo cambiou cando un
helicóptero trouxo a doutora Antía Vilariño,
científica do Laboratorio de Investigacións Paranormais, que
viña investigar a razón da baixada do "barco". Preguntando na
aula de Marta, soubo que a maioría imaxinaran que o edificio
podía moverse e marchar monte abaixo por culpa da chuvia, polo que
concluíu que foron eles o seu motor: a imaxinación "é a
única forza capaz de cambiar o mundo. E se actúa de forma
conxunta, aínda moito máis". Entón pediulles que, para
solucionar a falta de comida e o afastamento dos pais, tan preocupados por
eles, ao se deitaren imaxinasen que a escola navegaba rumbo á costa.
Á mañá seguinte, a escola volvía estar no medio do
río, a carón da praia fluvial. Logo, cos ollos pechados,
concentráronse en imaxinar que subía polo monte arriba e
volvía ao seu lugar, onde agardaban os pais con chocolate quente,
churros e torta de Guitiriz. E tamén o conseguiron. Soou o timbre e
acordaron as outras clases. O Capitán Kidd liberou os tres directivos
que encerrara no despacho por lles querer "afogar a imaxinación". Sen
importarlle as ameazas da directora, díxolle a Ana que nas
películas o capitán dos piratas acaba namorando a moza
protagonista e colleuna do brazo, marchando polas escaleiras. Marta agora
sabía o poderosos que podían ser todos xuntos; un día
tiña que convencer os compañeiros para que soñasen que
voaban como un avión ou que viaxaban polo Nilo ou que subían
nunha nave espacial... ¡Aquel curso podía acabar sendo o
máis divertido da súa vida! Remata o libro cunha
caracterización dos diferentes personaxes da historia que apunta novos
elementos literarios. |