blix



Xoán Neira: Xiz de cor
Ilustracións de Mariana Riestra

Col. Xiz de Cor, 1. Baía Edicións. A Coruña, 2004

Xiz de cor

Conxunto de 14 poemas presentados con sinxeleza formal, ritmo áxil, moi sonoro, e recursos metafóricos directos que basean a súa eficacia comunicativa na proximidade ao imaxinario infantil.
A luz e a cor conforman o eixo temático en poemas como os dedicados á lúa que sae de noite espida (¿onde terá a casa?), ás estrelas, que alguén sementa cada noite e rouba cada mencer (unha delas está núa, a soñada brilla como un diamante e outra é unha bágoa de luz) ou o arco da vella, un mundo de color formado por unha pinga de auga e un raio de sol, que desaparece como por arte de maxia; é un soño de colores.
O lecer alegre da infancia aparece en obxectos do mundo dos xogos como o papaventos, que confía o seu destino ás mans inocentes dun neno e necesita sentir o vento na pel para debuxar un soño colgado dun fío; ou a bicicleta, o cabaliño de metal para pasear en liberdade. Ademais, vén a festa do carrusel que xira, volta e trota ou cando o circo chega á cidade coa ilusión dos equilibristas, pallasos e tamén as feras. O territorio dos xogos é o parque, o espacio común a todas as idades, o pulmón da cidade de cemento onde de noite dormen os paxaros, se os deixa o papagaio, que latrica arreo. O tempo é o recreo, esa hora feliz na que os nenos xogan e os paxaros revoan alegres. E de noite saen os trasnos, fadas e demais familia, no medio da treboada, para facer falcatruadas nas casas; mais ao que chega o día deixan todo como estaba, escondéndose no faiado, porque só veñen xogar.
O soño e a aventura realízanse simbolicamente en medios de locomoción que forman parte do imaxinario universal: o tren, sempre en movemento, cara ás estacións dos soños; o barco pérdese no horizonte e regresa a terra para descansar (el ten un de papel e vai co traxe de pirata á Illa do Tesouro).
Como para as ilustracións, cun rotundo fondo cromático diferente en cada poema, o xiz de cor é preciso para pintar o rostro do mundo con todas as cores, desde o vermello do amor ao violeta dos poemas. Para acadar os soños, cos que se pode chegar á lúa máis grande.

28 p. - 21x21 cm.                                                          ISBN    84-96128-68-7



.  
ESTUDOS

  .      Análise de Xiz de cor - Matías Da Torre



Opinion