|
Xan -que é pequeno, comellón e
durmiñoco-, e mais o seu amigo Pericán -que é máis
alto, come pouco e dorme menos-, métense un día por unha cova
escura con tres portas pequerrechas: unha amarela, que ten un cartel coa lenda
"Aquí é onde todo comeza"; outra verde, onde pon "Se entras,
nunca te perdes"; e unha encarnada, que só ten un sorriso pintado. De
porta en porta, atopan primeiro a nena Elisenda, que os convida á
súa festa de aniversario, antes de liscar seguida por unha nube; logo,
unha vella panadeira que, dando choutos cunha perna, marcha coa torta con sete
candeas que preparara para a festa da neta. Na cociña, Xan come tantos
cornechos de pan que queda durmido. Pericán, que vai dar un paseo, non o
atopa á volta, polo que se pon a buscalo. Bate con Torcuato, un vello
moi pequeneiro que vende vasoiras e amaña zapatos, que lle prepara os
zapatos para que camiñe como os gatos e busque a Xan polos buratos.
Atopa o amigo -logo de ver o Comendador, o que dá ordes co tambor-, que
busca un tesouro nun burato, do que Pericán o ten que sacar, pois como
engordara non dá saído nin entrado; pola mesma razón non o
dá levado voando a vasoira máxica que lle regala don Torcuato e
don Claudio, o médico de bruxas, xigantes e ananos, recoméndalle
que desengorde. Até que ao outro lado da derradeira porta se xuntan
todos, incluída Anacleta, a nena que anda en bicicleta e comen a
deliciosa torta de aniversario. Finalmente, cando atopan ese burato tan raro
polo que se sae ao campo, os dous quedan moi contentos, pois traen de agasallo
unha caixa de sorpresas. Porque Xan e Pericán son deses amigos que se
perden nos camiños. |