blix



Bernardino Graña: Xan Guindán, Capitán / Xan Guindán, pita choca
Ilustracións de Pepe Carreiro

Col. Vouche contar un conto. Edicións Xerais. Vigo, 1991


Xan Guindán, Capitán / Xan Guindán, pita choca

Edición de dous contos protagonizados polo rapaz que responde ao nome de Xan Guindán.
No primeiro, os pais de Xan foron á tenda, polo que quedou el ao cargo da casa coa compañía da cadela Raspita. Ten que ter coidado de que a pita non deixe de chocar os ovos, as cabras non vaian á horta da veciña comerlle as patacas e de non entrar na adega. Sentiuse como un capitán das películas dando ordes. Pero non resistiu a tentación de curiosear na adega. Nin de comer un anaco de touciño, que lle deu sede, polo que lle sacou o furo á pipa de viño para encher unha cunca. Entón o viño deu en saír como un chafarís pola adega adiante. Como perdeu o pauciño, puxo o rabo da cadela a tapar o burato polo que escoaba. E foi onda a veciña, que berraba que as cabras lle entraran na horta.
No segundo relato, acode tornar as cabras, mais tamén o segue Raspita, polo que cando volve á adega está asolagada como un lago. Esmigallou as bolas de pan, intentando enchoupar o viño, e ordenoulles ás pitas e o galo que peteirasen as papas de pan con viño. Foron, incluída a que estaba chocando, pero emborracháronse. Nesas, chegaron os pais, que o descubriron cos pantalóns baixados sentado enriba dos ovos, intentando que non perdesen a calor e os pitiños. Como tamén o viu a veciña, desde aquela todo o lugar soubo que Xan Guindán pasara de ser un gran capitán a unha pita choca.
Como nos outros volumes da colección, a ilustración ocupa a maior parte da páxina. As páxinas centrais conteñen un xogo visual: un debuxo da casa para completar e colorear. A edición acompáñase cunha casete que contén o texto lido polo autor.

20 p. - 21x28 cm.                                                                ISBN    84-7507-595-9



Opinion