|
Logo de ler un
libro de contos no que unha fada lle dá á rapaza protagonista un
nobelo de fío de ouro que lle permitirá atoparse de novo con esta
cando a precise, Zita chorou conmovida. Adormeceu soñando co conto e ao
acordar sentiu a ilusión de ter unha fada madriña que fose a
súa amiga ou protectora, como as dos libros. Para cumprir o seu
soño, foi onda un Facedor de Contos. Este escoitouna con todo o
interese, xa que estaba a escribir a historia dunha nena que, como
quería ter unha fada amiga, viría visitalo. Como fixera Zita. Ela
mostrouse disposta a colaborar, describíndolla tal e como a imaxinaba.
Esa noite, cada un na súa casa, espertaron os dous ao mesmo tempo e
vírona. ao día seguinte, acordaron as palabras que el ía
escribir no caderniño negro de pencas vermellas a xeito de esconxuro
para que a fada aparecese: luz, estrela, alegría, dous brincos de
abelurias... Para que lles axudase a convocala, visitaron a Noventa, o Facedor
de Estampas que converte as palabras en ilustracións, quen esa mesma
noite acordou coa visión da fada. Cando volveron onda el Zita e o
Facedor de Contos, viron todo o conto debuxado. Só lle faltaba o final,
que tiña que poñer Zita. Esa mesma noite viu a fada, tal e
como a debuxara o Facedor de Estampas. E sentiu no corazón as
súas palabras: será a súa amiga secreta, que
aparecerá cando a necesite ou desexe intensamente. Logo, esvaeceuse nun
fío de luz, que formou un nobelo que se pousou nas mans de Zita.
Gardouno na súa caixiña dos tesouros e volveu adormecer.
|