| Xabier
López López: A vella quenlla perde os
dentes Ilustracións de Manuel Uhía Col. Os meus contos favoritos. Tren Azul Edebé-Rodeira. A Coruña, 2005 |
|
No máis fondo do mar vivía unha quenlla branca, gorda como unha
balea, que de vella que era xa non lembraba a súa idade. Como era moi
despistada, unha noite pegoulle tal mordida a unha pedra, confundíndoa
cunha saborosa madalena, que alá lle foron os dentes. E unha quenlla
desdentada é como un coche sen rodas, como un neno sen xoguetes. Ao que
a viu en tal estado a presumida robaliza, riuse da súa ameaza de comela
e contóullelo aos outros peixes. A sardiña foino comprobar,
desconfiada; o centolo aconselloulle que comese papas de alga cunha culler...
Todos os peixes do mar, coñecedores do segredo da vella quenlla, pasaban
ao seu lado sen medo e ata lle facían a burla. E ela, antes tan gorda,
comezou a enfraquecer ata que as espiñas lle quedaron marcadas na
súa pel: como levaba meses sen comer, parecía un peixe. Por
consello do centolo, acudiu ao polbo cabezón, o mecánico do mar,
que traballaba máis rápido ca ninguén cos seus oito
brazos, collendo en cada un unha ferramenta. Preparoulle unha dentadura postiza
con ferros duns barcos afundidos que lle encaixaron na boca perfectamente.
Entón foi esperar a apetitosa robaliza que tanto se burlaba dela e
¡zas! papouna. Os demais peixes, ao ver o sucedido, fuxiron asustados.
|
|
|