|
Edición de dous contos de Paco Martín en torno ao
mundo dos maiores. O primeiro presenta a un vagón de ferrocarril que
acordou nunha estación descoñecida, só, nunha vía
morta. Era de primeira clase, nunca tivera que ir á cola do tren.
Quizais o deixaran alí para levalo aos talleres. A noite pasada o tren
estivera detido unha chea de tempo nunha estación pequerrecha e el
quedara durmido de canso. Pasou a primavera e o verán. Alí
seguía. A ferruxe e as silvas espallábanse no seu armazón,
corrían os ratos polos asentos e un rapaz esnaquizara a croiazos os
vidros de dúas xanelas. Co outono, veulle a tristura. Unha noite, un
home maior, tan pobre que non tiña sitio onde se gardar, durmiu nel
fuxindo da invernía e acordou ledo: pasara a noite soñando
viaxes. Fixo del a súa residencia nocturna. E soñaban os dous: o
vagón, que era noviño e brillante; o vagamundo, que
coñecía unha dama fermosa, namorábase, e viaxaban xuntos
á ópera a Viena ou ao ballet a Moscova. Rematando o inverno, o
home non acordou. Entón un funcionario da compañía
ferroviaria dixo que había que desfacerse do vagón, que era
só un ferragancho inútil. "E iso era o que o vagón
quería para poder seguir compartindo os soños co seu amigo dos
últimos tempos". "O xardín" fermoso dunha pequena cidade da
beiramar era frecuentado por mariñeiros xubilados, señoras que
ían calcetar, nenos... e unha velliña de enormes ollos claros e
eterno sorriso amable que nunca falaba con ninguén. Para os nenos, era
como as árbores, como se sempre estivera alí. A xente deu en
falar cousas dela: que botaba toda a noite alí, que ao raiar o
día entendíase cos paxariños, que non comía nin
durmía... Para uns era unha pobre tola escapada do sanatorio; segundo
outros, unha bruxa que había enmeigar a todos os nenos; para a mai de
Ramirito, unha señora chea de colares, tamén era algo culpable de
que o seu fillo suspendese cinco no colexio, ademais de que os profes lle
tivesen manía. Os pais e nais prohibíronlles aos fillos ir xogar
ao xardín. Houbo protestas mesmo por escrito contra a súa
presencia. Entón, o alcalde decidiu intervir no asunto. Co bastón
de mando e rodeado de gardas, dirixiuse ao banco verde no que ela sentaba e
botoulle un discurso conminándoa a abandonar a poboación antes de
oito horas. De repente, a velliña marchou. E no xardín
desapareceron as flores, os paxaros e a herba verde; os mariñeiros
xubilados e as señoras da calceta sentiron tristeza e os nenos deron en
chorar. Só un home gordo, o pai de Ramirito, se alegrou: así
podería construír alí unha fábrica de flores de
plástico para os enterros e gañar unha chea de cartos. Como
nos outros volumes da colección, a ilustración ocupa a maior
parte da páxina. As páxinas centrais conteñen un xogo
visual. A edición acompáñase cunha casete que
contén o texto lido polo autor. |