 |
Glub vive nun acuario, onde a vida non é
tan sinxela como aparenta. Conta dous incidentes certamente perigosos. A
mañá anterior ao concurso anual de pinchacarneiros, cando,
aconsellado polo amigo Guá, estaba ensaiando a reverencia para engaiolar
ao xurado, unha nube negra escureceu todo: era Pinki, o gato da casa, disposto
a chapalos. Indiferente á desbandada xeral, o paspán de Blop o
bochudo seguía sopa, adurmiñado coma sempre entre as burbullas de
osíxeno. Ía Glub libralo do perigo gatuno mediante unha manobra
de distracción co seu fabuloso salto do golfiño, cando unha voz
ordenoulle a David que levase a Pinki do salón. Glub pegou o seu potente
berro de victoria (que, aínda que quería ser un "¡Gooool!"
como oíra un día na radio de David, sempre lle saía un
noxento "Glub", que por certo foi a orixe do seu nome). Perdeu así a
oportunidade de quedar como un gran saltador. Como Gulp, o campión
do ano pasado co seu corpo atlético, mira para el con risa de
superioridade, practica tanto as cabriolas, sobre todo cando veñen
visitas á casa, que acaba mareado e pola noite, coa fatiga, queda
durmido en calquera sitio. Nunha desas, despertou nunha bolsa de
plástico. Levábano uns ladróns, co televisor ou o
ordenador. Seica era un regalo para a irmá do máis novo. A
intervención de Pinki, meténdose como un trigre entre as pernas
do seu secuestrador e enganchándoselle logo no xersei, fixo que este
soltase a bolsa de golpe e foi Glub ao chan, onde afogaba sen auga nin
osíxeno. Ata que chegou a policía. Pero os humanos non o
vían por máis que berraba e se axitaba. Aínda que si o
gato, disposto a engulilo cando cansase de brincar. Entón descubriuno
David e colleuno, aliviado ao recuperar o Supermario, que é como lle
chaman a Glub. Quen, por certo, de volta no acuario, foi recibido como un
heroe. |