blix



Manuel Almofrei: Unha de lobos
Ilustracións de Chus Ferrín

Col. Xiz de Cor, 4. Baía Edicións. A Coruña, 2005

Unha de lobos

Nos tempos en que os lobos falaban, Lupus achegouse a un home para pedirlle consello pois quería ser un lobo feliz e non andar sempre ás agachadas e á rapina. E contoulle o porqué do seu cambio:
Cando andaba famento, atopou nunha pradaría unha egua co seu poldriño; como ela lle pediu que antes de a comer lle axudase a devolverlle as ferraduras ao amo, tratando de arrincarlle a da pata esquerda recibiu un couce fortísimo que o deixou tirado coa dor, aproveitando entón para liscaren nai e fillo. Deu logo con dous carneiros, que lle pediron que antes de comelos lles axudase a medir o herbal no que pacían, ficando el no medio e eles nos extremos, desde onde viñeron a todo meter cara ao lobo, dándolle uns turrazos por cada lado do lombo que o deixaron medio eivado e ouveando a todo poder; daquela aproveitaron os cornudos para refuxiarse na corte. Viu logo unha porca cos seus catro bacoriños; a idea dela, foron deica o río para aseala, por evitar unha enfermidade que o levase á morte ao comela, e cando lle estaba collendo auga cun pucheiro deulle tal fociñada que o mandou río abaixo, acubillándose a nai e os cochiños no seu cortello.
Por estes fracasos, o lobo decidira cambiar de vida, buscando un xeito máis pacífico de facerse co sustento. O home ofreceulle mantelo na súa casa a cambio de que o avisase cando un animal de rapina se achegase á súa facenda con malas intencións. O lobo aceptou. E desde entón ficou entre ambos unha grande amizade.
Adaptación dun conto tradicional galego en formato de álbum con ilustracións a cores.

28 p. - 21x21 cm.                                                          ISBN    84-96128-08-3



Opinion