blix



Bernardino Graña: Tres vellas fábulas novas
Ilustracións de Suso Cubeiro

Montaña Encantada. Serie Vermella
Ed. Everest Galicia. León, 2006

Tres vellas fábulas novas

Reúne tres fábulas en verso moi coidado cun sólido traballo de ilustración e maquetación.
Na primeira, O rabo de aceiro cóntase que hai moitos anos, andando de peregrino con San Pedro o Bo Xesús, cando estaban descansando na fraga viron que o demo-raposo ameazaba a unha rula con derrubar co seu rabo de aceiro o salgueiro onde tiña o niño se non lle daba unha das súas tres ruliñas. Ela, asustada, íalle botar unha filla, pero Xesús aconselloulle: sé nai, nunca entregues os fillos. E cando volveu o raposo acometer o tronco ela protexeu as tres fillas e el tivo que liscar, mouco, sen comer. Moito tempo despois, ao volver pasar viron obreiros a serrar un gran carballo antigo. Onde había árbores nobres, agora só eucaliptos; onde antes praia e flores, agora fábricas e fedores, peixes mortos, bloques de pisos altos e coches. A rula pediulle que lle axudase novamente a protexer os fillos, que gardara con celo. Entón mandou vir as aves, milleiros de aves que os levaron voando, co niño e as ruliñas, deica o ceo, lonxe de aceiros que matan e do asfalto, onda o Pai Celestial. Na Terra quedaron eucaliptos sen paxaros, os fumes do demo e os os homes que xa esqueceron o canto, o conto e o soñar.
O gaiteiro e o muraño nara que cando volvía dunha festa nunha noite negra, a un gaiteiro pillárono tres lobos e mordéronlle o pantalón. Subiu a un penedo e berrou pola xente, pero non apareceu ninguén. Quedou durmido e cando espertou de día atopouse enterrado na neve e a morrer sen calor. Un rato xoguetón brincou polos seus zapatos, moveu el os brazos e pouco a pouco logrou saír daquela branca prisión. Agradeceulle entón ao sol a súa forza para derreterlle a neve, mais el contestou que non o era tanto pois tapábao un nubarrón. Entón deulle as grazas á nube que tapa o sol que derrete a neve que cubre os pés. Mais ela respondeu que máis forte é o vento, que a leva a empuxóns. O vento díxolle que máis ca el é o monte, que detén o seu empuxón. E o monte explicoulle que aínda más era ese muraño pequeno, que o vai escarvando e comendo. Entón o gaiteiro pediulle ao ratiño que se fose con el pois viu o moito que vale. Desde entón, fixéronse compañeiros e viven nunha casa sen gato.
O fachendoso Simón presenta a un cazador fachendoso que se considera mellor que todos os animais. Pero estes, á súa vez, considéranse o mellor e aprenden que sempre hai outro que pode máis: á mosca, cázaa a ra; a esta, a lebre, a quen o can engole, pero este é cazado polo lobo, qué á súa vez é cazado polo león, a quen caza Simón. Entón el crese mellor que todos eles. Ata que un nubarrón ri e cun trono ceiba un raio que queima a Simón.

60 p. - 19x12 cm.                                                          ISBN    978-84-403-0441-4



Opinion