blix



Artello-Teatro Alla Scala 1:5: Tarará-chis-pum
Col. Escena Aberta, 7. Ed. Laiovento / Xunta de Galicia. Ames / Santiago de Compostela, 2011


Tarará-chis-pum

Libro que recolle a peza de teatro estreada en febreiro do 2007 polo Centro Dramático Galego (CDG) baixo a dirección de Artello-Teatro Alla Scala 1:5, como unha nova versión do espectáculo homónimo presentado en 1977 por Artello Teatro.
Esta edición ábrese cun Limiar de Santiago Montenegro informando sobre a experiencia de creación colectiva do grupo de teatro Artello, na que cada substitución no elenco de actores supoñía unha recreación do personaxe e moitas veces reformulación das escenas. Así, as versións dende a primeira representación en 1977 foron cambiando segundo as funcións. Ese mesmo espírito guiou a posta en escena por encargo do Centro Dramático Galego, polo que o texto que se edita non pretende ser un "texto dramático" literario senón o resultado dun proceso de creación colectiva ao servizo do espectáculo, a versión da última representación do xogo dramático.
Unha rapaza, coa típica presión familiar para que ocupe con proveito o seu tempo na escola e no lecer, quere ser pallasa, mais non sabe rir. Un rapaz que vai á Escola do Riso ensínalle as diferentes risas coas cinco vogais, risos que na escola o mestre lle arrinca. Na rúa, intentan venderlle o riso un vendedor e unha vendedora pero non ten cartos. Faise cunha buguina que un Ladrón lle roubou a un Home e nela escoita o mar. Alí está o seu riso. Vai ao seu rescate, mais o barco afúndese. Os peixes, aos que libera dun pesqueiro, infórmana de que o riso fuxiu para o bosque escapando do lixo do mar. Alá vai nunha Raia-taxi.
No bosque, o lobo dille que veu o home ao bosque co seu machete a cortar árbores e que os animais, fuxindo da súa escopeta, metéronse dentro das casas e non volveron saír. Así, o riso grande e brillante, como nin as árbores nin os animais sabían rir, tivo que marchar seica subindo cara á Lúa.
Aparece o Cazador-extintor disposto a matar o último lobo, pero este dille que é unha pedra de madeira, e as árbores despístano indicándolle por onde supostamente liscou o lobo. Os actores (que compoñen os escenarios e personaxes para a rapaza) forman un foguete que arranca, aínda que non ten motor, co "rrrrrrrr" do público, e chega á lúa. Os lunáticos, que están xogando á guerra, dinlle que volveu ao circo no que ela traballa, e lánzana cara á Terra.
Na última escena, Batutini presenta no circo Batutini a coqueta foca Merisu e o Home Tapón (que fai o son de sacar o tapón a unha botella), un italiano especialista en corda frouxa tan tímido que se tornou invisible e só o poden ver os dous irmáns (aínda que é visible e leva un golpe). Entra entón a Pallasa á busca do seu riso no circo, que está nos nenos e nenas espectadores, que non necesitan aprender a rir pois xa nacen aprendidos porque da súa inocencia emerxe a ledicia do mundo.

90 p. - 21x21 cm.                          ISBN  978-84-8487-203-0 / 978-84-453-4974-8

 materiais 
 .  Dossier do - CDG (.pdf)



Opinion