 |
Nunha cativa vila dos
Ancares, unha mañá fría e de chuvia, como non tiña
colexio Ánxela levou as vacas para o prado. Con ela foi Pinto, un can
moi listo que, se as vacas collían por mal camiño ou
pacían onde non debían, dáballes un tirón de rabo
ou unha dentada nas patas. Por iso, en canto chegou ao prado, fuxindo do
frío marchou para a vella palleira deixando a Pinto coas vacas. Como se
aburría, deitouse na herba seca e quedou durmida. Soñou que
era unha nena moi rica, filla dos reis do País da Sombra, porque nos
xardíns do seu palacio endexamais daba o sol, as árbores non
tiñan follas nin flores nin se pousaban nelas os paxaros: por iso o
lugar sempre estaba triste. Saíu dar un paseo e atopou un chanto moi
alto que non a deixaba pasar pero tiña un furadiño polo que viu
unha paisaxe fermosísima: un prado sen fin, árbores con follas e
flores e centos de paxaros a piar, flores de moitas cores nas que se pousaban
bolboretas e abellas zugaban o néctar... e caracois que botaban os
cornos ¡ao sol!, que ela nunca vira. Quedou engaiolada mirando aquela
fermosa bóla de ouro enchendo o aire de luz e color. Reparou nunha nena
bailando no prado cun traxe precioso feito con todas as cores do arco da vella.
Chamouna e ela díxolle que se chamaba Primavera. Como querían ser
amigas, Primavera dixo unhas palabras máxicas e o furadiño
fíxose tan grande que ela, Sombra, puido pasar para o outro lado.
Xogaron ata cansarse. Invitouna ao seu palacio e cando Sombra contou que
sería feliz se nos seus xardíns brillase o sol e houbese
paxariños cantareiros... Primavera dixo uns versos máxicos.
Entón nos xardíns tristes apareceron árbores con flores,
margaridas e papoulas na herba, paxaros cantando... e o sol a estender o seu
manto dourado sobre todos os recunchos. De pronto, espertouna Pinto pois era
hora de xantar. E de volver á realidade. De todos modos, había
algo de certo naquel soño: desaparecera o frío da
mañá porque era 21 de marzo. Xa chegara a
primavera! |