 |
Todo empezou aquel día encalmado en Outumuro de
Eiravedra no que eu, zapateiro remendón duns 18 anos, tiña moitas
ganas de brincadeira. Chegou a sra. Cristina para que lle amañase uns
zapatos. Pero contesteille que non ía traballar máis: decidira
saír polo mundo adiante á busca de sorpresas deixándome
guiar polo senso do meu nariz. Outros veciños intentaron que esquecese
esta tolemia mais nada conseguiron. Ao día seguinte, pechei a porta do
obradoiro e marchei. Atopei unha pequena ra que me falou: era a princesa
Florbelida, enmeigada pola bruxa Casemona. Pediume que a desencantase indo
á terra dos xigantes, onde o seu padriño é o rei, e logo
ao castelo da bruxa para facerlle pagar o mal que facía. Se
conseguía volver con éxito da empresa, recibiría como
premio o amor da princesa. No enorme castelo de Dongragi, o padriño
explicoume cómo derrotar a Casemona: reténdolle os pés con
chumbo. Deixándome guiar de novo polo senso do nariz, cheguei ao castelo
da bruxa e ofrecinme a agasallala cos zapatos máis fermosos. Como llos
fixen con solas de chumbo forradas con pel de cabuxa tola, non se deu movido.
Os xigantes entón prendérona, desencantando así o seu
país. E o galo cantou tres veces: era o sinal para que desaparecesen os
encantamentos da bruxa. Pero entón miña nai espertoume. Era
hora de ir á escola. Por iso quedei sen coñecer a princesa do
soño. |