|
Rato acicalouse de mañanciña para
ir á escola. Mais cando ía saír, apareceulle un problema:
ao pé do seu burato estaba o gato, que aquela mañá non
almorzara. E el non quería faltar, pois celebraban o
Magosto. Disfrazouse de vampiro e botou fóra, pero o gato abalanzouse
sobre el e case o pillou coas súas gadoupas: seica o recoñeceu
polo olfacto. Probou vestido de señora con perruca, tacóns e toda
perfumada, mais pouco lle faltou para quedar entre os dentes do gato, que lle
contou que o descubrira polo rabo. Vestiu logo unha lata de pementos
morróns, puxo de casco un dedal na cabeza, unha agulla de calceta fixo
de lanza e montou a cabalo dunha vasoira de váter da xente. Talmente un
cabaleiro disposto a enfrontarse ao dragón. Desta vez o inimigo pegoulle
unha poutada á lata, que baixou a rolos polo camiño ata bater
contra unha árbore. Saíu dela mareado e agachouse debaixo dun
ourizo seco das castañas. Cando o gato o descubriu e el daba todo por
perdido, un enormísimo laio espantou até os paxaros: o gato, que
cravara unha espiña na lingua, fuxiu miando desesperado. Rato puido
ir á escola, seguro baixo o seu traxe de camuflaxe. Mais cando chegou xa
o magosto rematara. ¡Mágoa de banquete perdido! Entón
Venturiña, a fermosa profe de Educación Fisica pousou os seus
doces beixos no bico do seu fociño. Daquela, a fame pasoulle de golpe e
o seu corazón inchoulle até case rebentar a pelica de picos...
¡Ai, o amor! |