| Irene
Pérez Pintos : O porco centelludo Ilustracións de Lázaro Enríquez Col. Merliño. Eds. Xerais. Vigo, 2003 |
|
Segundo lle contou
un vendedor de chourizos ao tendeiro, unha moza moi fermosa paseaba un
día pola praia cun papaventos cando de súpeto viu un porco
deitado nunha toalla tomando o sol. Coa sorpresa soltou o papaventos, que pegou
a voar e ela a chorar de tristeza. O porco, dun pinchacarneiro, conseguiu
recuperalo e entón ela, emocionada e agradecida, sen decatarse deulle un
bico nos fociños. O bico librou un fermosísimo príncipe do
feitizo dunha bruxa á que non lle quixera dar o seu amor e só a
moza podía desporcalo. Disque agora pasean felices pola praia,
romántica ela, porcino el agarrando o papaventos. É doado
concluír, pois, que a vida dános sorpresas: algúns porcos
son homes e ás veces pasa ao revés; por iso se ves pola praia
algún "tipo ordinario, agresivo e descortés/ non te achegues e
lisca / ¡xa sabes que pode ser!". |
|