 |
Pequeno Antón vive no val, terra adentro,
e desde o outeiro dexerga ao lonxe o gran mar azul. Arela coñecelo. Por
fin, polo San Xoán, o tío Manuel convídao a pasar uns
días con el na cidade. Poderá ir pescar na súa barca.
Fan os preparativos no porto: os mariñeiros repasan as redes na cuberta
e dispoñen o aparello de cerco. Como o mar está bravo, non saen
ata que calma un pouco, á medianoite. Mar adiante, o radar indica que
anda preto un banco de sardiñas: colócanse sobre el coas luces
acesas e o barco comeza o cerco; as sardiñas, como encantadas, cegas
pola luz, déixanse atrapar. Toda a tripulación traballa en
equipo: largan as redes, recóllenas e colocan as sardiñas nas
caixas. E arriban ao porto, onde Pequeno Antón axuda na descarga. Logo,
o tasador comeza a poxa, ata que o comprador o manda parar. E así acaba
a xornada. Pequeno Antón está contento e os mariñeiros,
amigos, despídeno cun "hastra máis ver, proel".
O texto, en letra caligráfica, complétase con pequenos exercicios
de léxico ilustrados. A curiosa edición, cun prego de oito
páxinas despregables (que subliñan a grande ilustración
final do porto e a lonxa), concede unha importancia fundamental á
imaxe.
|