 |
Conxunto de vinte poemas, centrados tematicamente arredor dun motivo
concreto, como indica a propia nominalización dos títulos, próximo
ao territorio da infancia. Os elementos da natureza está animados: o sol
báñase espido e non pilla catarros, as estrelas buscan a lúa durmida
pois teñen medo, as ondas tamén se cansan... Os animais poden ser uns bos
compañeiros e tampouco son tan diferentes dos humanos: o siamés ten medo
subido ao tellado e rescátano os bombeiros, o xurel e a dourada cansan, a
bolboreta ponse á sombra porque lle molesta o sol, a gaivota pía coa fame,
o paxaro pousa nas flores pois quere ter cores como as bolboretas, o gato rouba os
bocadillos, a moderna balea pretende aprender a andar en bicicleta, un dinosauro
namórase do mar. Ademais, non faltan as celebracións: o Carnaval, os
días da semana ou as cartas que trasladan sentimentos. Son poemas como os remedios
caseiros da avoa para as dores, a parra á sombra baixo a que descansa o avó
ou a fortuna dun día de lectura cando chove fóra. O estilo, limpo e
sinxelo, combina a visión tenra co xogo metafórico. A edición
alterna as páxinas de texto coas ilustracións a cores feitas por
rapaces.
|