| Jacobo
Fernández Serrano: A pedra e as
formigas Ilustracións de Jacobo Fernández Serrano Col. Merlín, 168. Edicións Xerais. Vigo, 2006 |
|
Houbo unha vez dúas formigas que, paseando
polo campo preto dun bosque tan escuro que metía medo, viron como unha
xirafa bebía un raio de sol que se coara entre a follaxe. Seguiron
camiñando. Cando se puxeron a comer os bocadillos apoiados nunha pedra
grande, escoitaron a voz dunha princesa que dicía estar presa na pedra
por unha bruxa malvada que se quixera vingar dos seus pais, os reis, por se
negaren a postrarse ante o demo do Castrón, marido dela; e outra vez
falou, dicindo que os seus pais morrían de pena pois é filla
única. Intentaron buscar unha porta na pedra e chamárona, mais
sen éxito. Colleron a pedra nos brazos e ao chegaren á ponte que
cruzaba o pequeno barranco tirárona para ver se rachaba e saía a
princesa. A pedra rachara en sete anacos e nin rastro dela. Descenderon deica o
fondo do precipicio e dun dos anacos pequenos volveron saír os versos na
fermosa e afinada e voz de muller nova. Logo, un coro de voces que saía
das sete pedras laiouse de que dúas formigas partisen en sete a
súa canción... Entre o seu desconcerto, asomou a xirafa dicindo
que as cousas da maxia só se arranxan con maxia. Soprou unha raiola de
sol sobre cada unha das sete partes da pedra e de cada unha abrollou unha moza
co pelo negro e o traxe branco: todas iguais e pequenas, como princesas en
miniatura. E logo desapareceu. |
|