 |
Unha noite, Rodrigo logrou dar caza ao sol antes
de que afogase no mar máis alá de Fisterra e viu (ou tal vez
soñou) os paxaros de mil e unha cores. Nun avión
construído con cartóns reciclados chegou a Caibarén, a
illa das cristas e os lagos de mil cores onde vivían felices os paxaros
cai-barén, que estaban cansos de tanta cor e arelantes por viaxar a
outras terras. Navegando nunha casca de ovo ou voando en avións de papel
(os únicos que voan case tan alto como a imaxinación)
viñeron con Rodrigo ata o seu país. Nel fixéronse amigos
dunhas paxariñas que levaban escritas no lombo noticias e
coñeceron lugares coas cores anubradas polo fume escuro das chemineas e
estraños túneles de metro, onde as cores buscan refuxio nas
paredes. Pero o que máis lles gustou foi o cuarto de Rodrigo, cos osos
de peluche que só o rapaz e eles podían oír e os seus
libros de contos. Por iso algúns non quixeron regresar á
súa illa e quedaron entre as páxinas dun libro, "de onde
só a túa imaxinación pode facelos saír algunha
noite". Álbum de gran formato cun excepcional traballo de
ilustración seleccionado na Mostra Internacional de Boloña e
premiado pola UNESCO en Toquio. |