blix



Paloma Rodríguez / Cristina Justo: O país dos mandóns
Ilustracións de Spela Trobec

Col. A igualdade conta. Edicións Embora. Ferrol, 2010


O país dos mandóns

Había unha vez moi lonxe un estraño país onde lles gustaba moitiño mandar. Nel sucedían cousas estrañas que a xente non comprendía: as avoas, nais e nenas só podían traballar e traballar na casa: facían as camas, cociñaban, varrían... E non lles quedaba tempo para divertirse: non podían saír de paseo, facer ximnasia, tocar música, ir ao cine ou ao teatro... Iso a elas non lles gustaba nada, por iso ás veces estaban tristes e outras moi enfadadas. Tampouco os avós, papás e nenos estaban felices, porque non podían ir coas nenas ao parque, coas mamás e avoas ao cine nin todos xuntos de excursión, en bici... Así, ninguén estaba contento, polo que decidiron facer algo para mudar as cousas.
Xuntáronse e acordaron ir falar co señor Mandamáis, que mandaba no país axudado polos seus secuaces: os señores Capitoste, Ameazo, Nonsepode, Comoeudigo, Quedasnacasa e Tinonvás. E o 8 de marzo unha longa fila de pais e nais, avós e avoas, nenos e nenas, todos eles cunha bufanda lila, fóronlles dicir as cousas coas que non estaban de acordo. Coas caras vermellas de carraxe, os mandóns responderon que esas eran as normas e había que cumprilas. Entón votaron todos e todas aprobando que querían ir en bici, ler libros, cociñar e pasar o ferro e facer as camas os papás e as mamás, os nenos e nenas, os avós e as avoas. E como non querían que os mandase o señor Mandamáis escribiron as novas normas nun papel lila: A Constitución.
Así, un país no que os nenas e nenos están contentos, as nais e pais colaboran, e as avoas e os avós non están tristes tiña que chamarse "O País da Igualdade".
Álbum con texto mínimo e ilustracións de trazos directos combinadas con superficies de cores fortes de eficaz comunicación visual.

32 p. - 23x23 cm.                                                      ISBN     978-84-92644-16-2



Opinion