| Xabier P.
Docampo: A noite das filantes Ilustracións de Xosé Cobas Col. Arbore. Os Duros, 31. Ed. Galaxia. Vigo, 2009 |
|
Aquela noite de agosto, unha das estrelas filantes chegou ao
chan. Foi onda ela un gato, que levou o susto máis grande da súa
vida. Os nenos, que pediran desexos ao velas, foron á súa
procura: buscárona no fondo do mar, onde había unha fermosa
estrela, pero non era a que caera do ceo; no campo que abeira a cidade, deron
con outra, pero tampouco a era; nin a estrela de xente que viron nunha fiestra
da cidade. Como unha nena a vira ir diante do tren, achegáronse ata o
lugar onde se forma a estrela dos camiños de ferro. Marcharon logo ao
río, e deron coa estrela de auga que se forma onde nacen todos os
ríos da Terra. Pero non deixaron de buscar, ata dar con aquel neno que
lía o mundo coa punta dos dedos. As súas mans debuxaron o seu
desexo no aire da noite. E cando se puxo de pé descubriron o prodixio:
tiña luz dentro, como se a estrela se lle metese dentro. |
|