|
Este
"conto escenificable para teatro ou guiñol", segundo a idea orixinal de
Salvador Gómez Arias ten como obxectivo achegar os nenos á
conmemoración dos actos do Xacobeo. Presenta ao trasno Pinchetas
á busca dos seus amigos María e Gustavo. Conta que os
coñeceu cando trouleaba feliz polo bosque, e aínda era
noviño pois só tiña douscentos anos. Os rapaces
vivían nunha vila pequerrecha e xogaban no río, que un día
secou. Para recuperalo, pensaron en ir a Compostela, pois escoitáronlle
a uns camiñantes que alí había un home que curaba os
enfermos. E aló marcharon, atravesando a mesta fraga nun carro tirado
pola mula Eufemia. No bosque, á noite, o trasno xogou con eles a
tirarlles os gorros da cabeza para espaventarlles o medo. Ata que apareceu
Texpantex, Dono das Covas e dos Penedos, e Señor das Noites, ogro enorme
disposto a comelos porque atravesaran os seus dominios. Entón interveu
Pinchetas enredándoo ata que veu o día: como non aturaba a luz,
metíase na cova. Tamén os libra da bruxa Esgallacabras:
teñen que pegar a rir, pois ela non soporta a alegría. Coa
condición de que non llo contasen a ninguén, axudoulles a chegar
a Compostela. Alí o sabio Santiago deulles a solución: levar un
anaco da pedra que no Umia se transformou en barca e levou a Santiago ao
pé dunha fervenza. Guiados por unha pomba, colleron na Fervenza de
Santiago un anaco da pedra que zumegaba auga. Trouxérona á aldea
e recuperouse o río, as colleitas e a alegría da xente.
Inclúense ao final unhas "recomendacións para a posta en escena",
na que se poden mesturar títeres e actores. |