blix



Antonio García Teijeiro: Nenos
Ilustracións de Manuel Janeiro

Col. Tartaruga, 17. Ed. Galaxia
Vigo, 1988

Nenos

Conxunto de 17 poemas en verso rimado, de estructura sinxela e ritmo moi marcado, que en ocasións está ao servicio de adiviñas ou sonoros xogos de palabras. O neno é o centro do espacio lírico nunha relación fraterna coa natureza, que acode a el en forma de vento medoñento, estrela verde ou pombas cansas en procura de agarimo; tamén as nubes tristeiras, ás que o vento brincadeiro lles leva a cor en forma de rosa. El sempre ten as xenerosas mans abertas. Por iso atopa correspondencia na lúa amiga que verque tres bágoas no seu debuxo ou na estrela que acompaña no papel o seu salaio.
Este neno prefire as rosas con espiñas que aloumiñan as mans de homes rexos ou a que caeu da roseira, antes que as rosas de ouro. Os seus soños acompañan os lamentos dos loitadores na terra e no mar e a súa música escorrenta a tristura da xente. Porque a solidariedade está de cote presente na súa canción de labregos ou de piratas. A mesma que bailan as gaivotas de néboa no medio da ría, mentres a lúa toca as cunchas e as pandeiretas as figueiras.

24 p. - 16x19 cm.                                                        ISBN    84-7154-610-8



Opinion