 |
A voz narradora dun rapaz que cre que "en calquera lugar
do mundo pode haber un neno que quere ser o teu amigo" conta esta sinxela
historia cotiá, como quen escribe unha carta a un amigo futuro coa
esperanza de resposta.
Comeza presentando os protagonistas: Turístico, un can sen unha orella;
Pepiño Virafollas, que na escola pasaba as follas sen aprender nada;
Miúdo: amo do Turístico que xoga co seu pai ás cartas na
taberna de Pachín; Marisa, a neniña que anda sempre cunha boneca
de trapo, Pitula, á que lle estarricaron as pernas cos pés de
millo cando caeu no pozo e agora non se ten de pé; as Anduriñas,
paxaros que non teñen parada en ningures; o Vagalume, que é o
verme que non se ve polo día; e Paxariña, paxariño de
papel que fai a mestra e non voa.
Conta a seguir que vai para mes e medio que falta Turístico porque
Pepiño Virafollas o guindou nun camión que ía para Madrid.
Por iso Miúdo "sacoulle a fala a Pepiño" e recea que
non vai volver. Prometeulles aos amigos que se lle aparece o can halles ensinar
a campaíña que tocan os grilos nas noites de verán, pois
seica a deixan no burato cando saen. Vaise poñer a buscar grilos,
aínda que sen chuzalos coas pallas, que precisan as anduriñas (do
peteiro de unha delas caeu o vagalume Poucoalumeas, que coa zoupada
desgraciouse e só alumea "de mediocorpo para
atrás").
Volveu Turístico, pegándose unha camiñada boa desde
Madrid. Agora ao que ve un camión "roña e rincha os
dentes". Pero a Miúdo cústalle traballo dar cun grilo, pois
agora só saen polas noites. Noutrora, eran de moitísimas cores e
os galos e galiñas peteiraban neles e non os deixaban vivir. Un
día, un galo fachendoso dubidou se picalo, pois tiña fame e non
quería luxar o peteiro, e cando mirou para o chan, o grilo, gordecho e
moi vello, xa liscara. Este foi o primeiro que se vestiu de negro e comezou a
traballar e cantar pola noitiña, cando os inimigos están no
poleiro.
Como Miúdo prometeu ensinarlles a campaíña dos grilos o
día de Reis, despídese o narrador ata o próximo
verán, anunciando que lle ha enviar ao lector unha paxariña e
contaralle cómo foi o da campaíña.
|