|
Trátase de tres breves relatos de carácter
popular que poden servir para que os máis pequenos coñezan
algúns relatos tradicionais. En "Martuxiña" cóntase o
sucedido a unha rapaz moi valente que por amor ao pai vai no seu lugar a servir
a El-Rei. A pesar de tomar andares e xeitos de home, un compañeiro seu
ten a desconfianza de que é unha muller e faille unha serie de probas
para confirmar a súa dúbida. Véndose incapacitada de
realizar a última proba, a rapaza foxe pero el perséguea e
finalmente acaban casando. En "Brancaflor", a protagonista interrompe a
voda de Xan para alegar que é o seu mozo e pedir licencia para relatar
un conto, que en realidade, non é máis cá súa
historia. Narra así como un mozo xogantín apostara a súa
alma e a perdera, sen saber que o seu contrincante era un meigo. Aconsellado
primeiro por unha vella e logo por Blancaflor, que era a filla máis nova
do meigo, proporalle a este redimir a súa alma a cambio de traballos.
Realizados estes, os dous mozos fuxirán e serán perseguidos polo
meigo e a súa muller, que lle botará unha maldición,
pedindo que calquera persoa que lle dera unha aperta ao rapaz faría que
esquecera a Brancaflor. O rapaz recibiu dita aperta e a maldición
cumpriuse. Cando Brancaflor remata a súa historia, Xan lembra todo e
decláraa a súa muller. En "Catro irmáns con oficio"
relátase como catro irmáns, aconsellados polo seu pai, van polo
mundo en busca de oficio. Aos tres anos e segundo tiñan acordado volven
a se reunir co pai. Chegada a noticia de que a filla do rei fora raptada por un
dragón, conseguen salvala, pondo en práctica todo o que
aprenderan na etapa de formación dos seus oficios. Como os catro non
poden recibir o prometido polo rei, que era a man da súa filla,
ofreceralles moitos cartos e un lugar na súa mesa. |