|
Había unha granxa na ribeira ao pé do mar na que
os animais eran amigos das gaivotas veciñas e parolaban a diario con
elas. No serán gozaban en silencio co solpor: aquel era para eles o
mellor lugar do mundo. Cando o granxeiro non estaba, o porco, que era o seu
capataz, detentaba o goberno. Pasaba o día durmindo e roncando nunha
gamela que había no medio do curral. Un día un petroleiro
enorme afundiu preto da costa e o seu petróleo cubriu o mar cunha capa
escura e fedorenta. As gaivotas chiaron como tolas: ao se meter na auga para
pescar quedaban enchoupadas de alcatrán e non podían voar. Os
animais dispuxéronse a salvalas. Pedíronlle a gamela ao porco,
que se alporizou por espertalo, negóullela e continuou roncando. Pero
eles non se acovardaron e botaron ao mar un tronco vello ao que se foron
subindo as gaivotas, moi mareadas polo piche. Como eran tantas, acudiron moitos
animais doutros países para axudar a salvalas e limpar o mar. Cando o
porco acordou asomouse ao muro da granxa e viu que traían as gaivotas
á praia para limpalas e reanimalas. Sentindo remorsos, ofreceulles
choromicando un pratiño con catro grans de millo cos que quería
tapar a vergonza da súa falta de solidariedade. Pero os animais da
granxa lembráronlle que non lles deixara a gamela e botárono para
sempre, baixo unha chuvia de chapapote. Pasado un tempo, os animais de
fóra marcharon para os seus lugares e as gaivotas volveron chiar de
alegría por toda a ribeira, parolar cos amigos da granxa e admirar os
solpores. O mar quedou limpo, pero os animais nunca máis deixaron de
axexalo e tiveron a gamela sempre disposta. |