|
Un
mago moi vello deixoulles en herdanza ás súas tres fillas un pote
vello e unha culler de pau. Ao remexer coa culler, apareceulle no pote á
máis vella, un saco de ouro; á mediana, unha corneta de prata con
dúas boquillas, polas que soprou e presentáronse cen xinetes ao
seu servizo, non quedando rastro de home nin besta; á máis nova,
un cinto de coiro coa lenda "Se quero ir, vou", co que trouxo á
súa presencia o fermoso príncipe de Tomboso, quen, irado, fixo
que a encerrasen no pazo real. Axudada polo compasivos gardas, puido volver
á casa. Levando o saco, intentou recuperar o cinto, mais o
príncipe enganouna outra vez e quedoulle co saco. E coa corneta, nunha
nova tentativa. Desconsolada, decidiu perderse no monte para deixarse comer
polos lobos. Pero sentiu fame. Probou unha mazá vermella e medroulle o
nariz. Logo, unha ameixa, e o nariz volveu ao seu tamaño natural. Con
cada mazá, o nariz medraba; con cada ameixa, encollía. Foi
entón ao pazo real a venderlle a froita ao príncipe. Cando este
comeu as mazás, medroulle tanto o nariz que, avergonzado, non
quería deixarse ver. Para ver de curalo, o rei fixo chamar a sabios e
doutores. Ela fíxose pasar por médico. "Manda narices!", dixo ao
ver o estado do príncipe, e diagnosticou que a doenza a producira unha
apropiación indebida. Así conseguiu que el lle devolvese o cinto,
o saco e a corneta. Por cada obxecto devolto ela deulle unha ameixa. O nariz
encolleulle, aínda que lle quedou bastante grande. Entón regresou
á casa, onde viviron felices as tres irmás, esquecendo o
príncipe Manda Narices. Adaptación a partir do conto
tradicional do Brasil "Dona Baratinha". Como é característico na
colección, o creativo traballo de ilustración preséntase
en formato álbum a dobre páxina e a cores. |